A Xunta ten apoiado a implantación de 200 empresas galegas en mercados exteriores ao abeiro do Plan Primex
A Xunta de Galicia ten na internacionalización do tecido empresarial un dos piares básicos para mellorar a súa competitividade. Neste contexto, a Consellería de Economía e Industria ten aberta unha nova convocatoria do Plan Primex, que nos últimos 6 anos apoiou a implantación no exterior de 200 empresas galegas promovendo medio centenar de proxectos de colaboración en 19 mercados diferentes como Alemaña, Brasil, China ou Estados Unidos.
Sempre asentada na cooperación, a nova convocatoria do programa está dotada cun millón de euros, e o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o próximo 11 de setembro. O obxectivo é sumar 60 novas pemes galegas que desenvolvan proxectos conxuntos de internacionalización. Para isto, e segundo explica o director do Igape, Javier Aguilera, o programa conta cunha maior flexibilidade, que se concreta no apoio a iniciativas nas que colaboran un mínimo de dúas empresas, fronte ás tres requiridas ata o de agora, e o impulso de actuacións tanto en orixe como en destino.
“O obxectivo do Primex e apoiar as empresas galegas, as pemes principalmente, no seu proceso de internacionalización, ben sexa para iniciar a súa actividade, diversificar o seu negocio, ou consolidar os procesos”, incide Aguilera Navarro.
As pemes beneficiarias disporán de apoios que cobren ata o 75% do gasto subvencionable de cara a impulsar as súas primeiras implantacións no exterior a través de proxectos conxuntos de cooperación que permiten unir esforzos, compartir custos e, se fose o caso, desenvolver estratexias de marca
O Plan Primex, salienta Aguilera Navarro, encádrase no marco da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 coa que a Xunta de Galicia busca incrementar nun 25% as exportacións e ampliar, deste xeito, ata o 40% o peso do comercio exterior galego no PIB.
Neste contexto, cómpre salientar que durante os cinco primeiros meses deste ano, Galicia exportou máis de 7.500 millóns de euros, un 6,4% máis ca no mesmo período de 2013, cando bateu os seus récords históricos de vendas ao exterior.