A Xunta publicou onte na súa páxina web o protocolo de coordinación, intervención e derivación interinstitucional en atención temperá
As Consellerías de Sanidade; de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; e a Consellería de Traballo e Servizos Sociais publican hoxe nas súas respectivas páxinas web o protocolo de coordinación, intervención e derivación interinstitucional en atención temperá que permitirá acadar a complementariedade das intervencións, evitando a duplicidade de servizos e garantindo, en todo caso, un único modelo de intervención para os tres sistemas: saúde, educación e servizos sociais. O protocolo pode consultarse nos enlaces www.sergas.es/Docs/Enportada/Protocolo_Atencion_tempera_gal.pdf; http://www.edu.xunta.es/web/node/14357 e http://benestar.xunta.es/web/portal/protocolo-de-coordinacion.
Este documento foi aprobado polo Consello Autonómico de Atención Temperá en sesión extraordinaria no pasado mes de decembro co obxectivo de dispor dun instrumento común no traballo que desenvolvan os servizos de atención temperá que integren a Rede galega de atención temperá. A súa elaboración correspondeulle á comisión técnica de atención temperá, integrada por persoal técnico representante dos tres departamentos implicados: Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Consellería de Sanidade; e Consellería de Traballo e Servizos Sociais.
Fases desenvolvidas no protocolo
A atención temperá é o conxunto de intervencións dirixidas a poboación infantil de 0 a 6 anos, a súa familia e ao seu contorno, tendo por obxectivo dar resposta ás necesidades, transitorias ou permanentes que presenten os nenos e nenas con trastorno no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.
Deste xeito, o protocolo contempla cada unha das fases de actuación cos menores que presenten trastornos do desenvolvemento ou risco de padecelos, así como os procesos de intervención coas súas familias, definindo en cada fase o obxecto desta, os ámbitos e os procedementos.
No que se refire á fase de detección precoz, cómpre destacar, no eido da sanidade, a importancia do diagnóstico e tratamento prenatal, que implica aos profesionais sanitarios que participan no seguimento do embarazo e do parto, así como aos profesionais de pediatría.
Pero a detección tamén pode producirse nos servizos sociais a través da rede de escolas infantís, dos servizos sociais comunitarios ou especializados, e no sistema educativo, nomeadamente no alumnado do segundo ciclo de educación infantil.
No caso de confirmar a sospeita de trastorno no desenvolvemento, os servizos de pediatría derivarán ao menor e a súa familia, en función da complexidade do problema, xa sexa ás unidades de atención temperá existentes nos complexos hospitalarios ou ben aos centros e programas de de desenvolvemento infantil e atención temperá do sistema de servizos sociais.
O segundo núcleo, o de valoración e intervención, está dividido en catro fases: acollida, valoración, intervención e avaliación.
En canto á finalización da atención temperá, esta prodúcese principalmente cando se cumpren os obxectivos establecidos ou cando o neno cumpre os 6 anos de idade. Neste último caso, faise necesario garantir a existencia dun nexo de continuidade cos servizos destinados ás persoas maiores de 6 anos (tanto no sistema educativo, como no sanitario ou nos servizos sociais).