A Xunta priorizará o acceso dos desempregados de larga duración con cargas familiares ás accións formativas
- Unha orde da Consellería de Traballo e Benestar establéceos como destinatarios prioritarios de 18 cursos que se impartirán proximamente na provincia de Lugo
- A delegada territorial explicou que a Xunta inviste 5,3 millóns de euros en financiar un total de 123 accións formativas para desempregados das que poderán beneficiar preto de 2.000 persoas
A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, anunciou onte que os desempregados de longa duración con cargas familiares serán os destinatarios prioritarios de 18 accións formativas que se impartirán proximamente na provincia de Lugo.
“Estes cursos”, segundo explicou Raquel Arias en rolda de prensa, “enmárcanse dentro dunha nova orde que pon en marcha este ano a Consellería de Traballo e Benestar e que quere facer fincapé naquelas persoas nas que conflúe o feito de levar moito tempo sen atopar un emprego e teñen fillos ou outros familiares ao seu cargo”.
Ao abeiro desta orde, que acaba de resolverse a pasada semana, tamén se establece, como no resto dos cursos AFD (Accións Formativas para Desempregados) tres liñas distintas segundo os promotores foran concellos, entidades sen ánimo de lucro ou empresas.
Estes 18 cursos están deseñados para que as persoas que teñan certa cualificación consigan unha formación máis axeitada ás necesidades do mercado e para que as persoas sen cualificación adquiran as competencias mínimas para mellorar a súa empregabilidade.
Segundo explicou a delegada territorial, para poder acceder á formación dos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3, os alumnos teñen que reunir uns requisitos formativos pero algúns non os cumpren, “o que lles impide beneficiarse precisamente daqueles cursos que lles permitirían obter os certificados de profesionalidade”.
Así, na programación aprobada ao abeiro desta orde inclúense, entre outros, cursos específicos de competencias clave, que básicamente se centran en comunicación de lingua castelá e galega e matemáticas, o que lles abrirá a porta aos certificados de profesionalidade.
Nestes intres estanse a impartir xa 105 cursos, programados ao abeiro da orde ordinaria de Accións Formativas para Desempregados da Consellería de Traballo e Benestar.
Importante esforzo inversor
“É evidente que o mercado de traballo é cada vez mais competitivo polo que se fai necesario que os demandantes de emprego reciclen os seus coñecementos e se formen en novas materias ou ámbitos laborais”, explicou a delegada. Desta maneira, “poderán aproveitar con suficientes garantías as novas oportunidades laborais que xurdan ”.
“As políticas activas de emprego da Xunta de Galicia son claras ao igual que a súa implicación e vontade de favorecer a reinserción laboral dos desempregados, entendendo que para acadar ese obxectivo un punto de partida básico é a formación. E proba dese empeño son os 123 cursos que se impartirán este ano na provincia de Lugo, dos que se beneficiarán preto de 2.000 persoas e que supoñen un investimento global de 5,3 millóns de euros”, engadiu Arias.
O obxectivo dos cursos de formación é a reorientación da traxectoria profesional das persoas desempregadas co fin de que dispoñan de máis opcións de acceso ao mercado laboral polo que o contido dos cursos ofertados é moi variada, así como a súa duración, que vai dende as 38 horas do curso de comunicación en lingua galega de nivel 2 ata as 828 horas que dura un curso de comercio e marketing. .
Atención a dependentes, os cursos máis demandados polos concellos
O abeiro das ordes AFD, tanto na que se resolven a pasada semana como a que xa se esta a desenvolver, establécense tres liñas distintas segundo os promotores sexan concellos, entidades sen ánimo de lucro ou empresas.
Coas entidades locais como promotoras estanse a impartir 17 cursos, dous deles impulsados pola Deputación. Nove céntranse na atención sociosanitaria a persoas dependentes, tanto en institucións sociais como en domicilio, un dos sectores que máis postos de traballo xera actualmente.
Os cursos promovidos por entidades sen ánimo de lucro son 42 e contan cun investimento de 1,6 millóns de euros.
“É fundamental”, dixo a delegada da Xunta, “o papel que xogan os axentes sociais na promoción destas accións porque os cursos que imparten diríxense precisamente a cubrir as cualificacións máis demandadas polas empresas”. Tanto as organizacións empresariais coma as áreas de formación dos sindicatos, ou outras entidades sociais coma Cogami ou Cruz Vermella “están a contribuír de maneira significativa na labor de formar e facilitar o acceso ao emprego a moitos lucenses”.
No tocante aos cursos promovidos por empresas, a Consellería de Traballo e Benestar financia 48 accións formativas. A oferta, ao igual que nos casos anteriores, é moi variada.
Formación en centros propios
A maiores dos promovidos por concellos, empresas e entidades sen ánimo de lucro, a Consellería de Traballo e Benestar imparte nos seus centros propios 16 cursos máis aos que se destina un orzamento de 930.000 euros.
Así, en Lugo, impártense nove de contido variado, desde mantemento dos sistemas eléctricos e electrónicos de vehículos; mantemento do motor e os seus sistemas auxiliares; montaxe e mantemento de instalacións frigoríficas e outro de instalacións solares térmicas; levantamentos e replanteos; soldadura con electrodo revestido; montaxe e reparación de sistemas microinformáticos; xestión contable e xestión administrativa para auditoría e montaxe e mantemento de sistemas domésticos e domóticos.
No centro de Viveiro, a Xunta imparte catro cursos: montaxe e reparación de sistemas microinformáticos; operacións de fontanería e calefacción-climatización doméstica; mecanizado por arranque de labra e creación e xestión de microempresas.
E tres son as accións formativas que se levan a cabo na Unidade de Accións Formativas de Monforte de Lemos. Trátase dos cursos de horticultura e floricultura, traballos de carpintaría e moble e actividades de floraría.