A Xunta presenta dúas novas rutas pola comarca de Valdeorras e as cercanas para divulgar e pór en valor as árbores senlleiras de Galicia

image_gallery

 

A Xunta de Galicia presentou onte dúas novas rutas enmarcadas na iniciativa “Árbores con historia”, co obxectivo de divulgar e pór en valor as árbores e formacións senlleiras de Galicia. Trátase de dous itinerarios denominados Ourense Oriental e Ourense-occidental.

Segundo explicou hoxe a directora xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, dende hoxe mesmo, a través da páxina web da Consellería, estará á disposición de todas aquelas persoas interesadas un dossier explicativo con cada novo percorrido e coas principais peculiaridades dos exemplares e formacións que se engloban nestas dúas novas rutas. Aclarou que as dúas novas rutas, súmanse á presentada no mes de xuño, ruta Santiago-Rías Baixas, que discorre entre o sur da provincia da Coruña e o noroeste da provincia de Pontevedra. A información sobre estas rutas, que inclúen exemplares e formacións recollidas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, está dispoñible no enlace:
http://www.cmati.xunta.es/seccion-tema/c/Conservacion?content=Direccion_Xeral_Conservacion_Natureza/Biodiversidade/seccion.html&std=arbores_con_historia.html&sub=Arbores_senlleiras/

Tellado destacou que estas rutas transcorren entre termas, viñedos e historia, constituíndo unha mostra do patrimonio natural e cultural galego e das singulares características bioxegráficas de Galicia: con formacións mediterráneas (como as aciñeiras) e atlánticas (como os carballos e castiñeiros), que se dispersan por camiños de historia en pedra e cunha relación permanente coa auga. A modo de exemplo, destacou o nodo hidrográfico do macizo central e a estación invernal de Manzaneda; ou ríos como o Miño, cos seus recorridos termais; o Avia ou o Limia.

Ruta Ourense Oriental
Tal e como explicou a directora xeral, este itinerario inclúe 13 formacións ou exemplares senlleiras dos concellos de Manzaneda, Rubiá, Carballeda de Valdeorras, A Veiga, Viana do Bolo, A Mezquita e Laza. Trátase de formacións de extraordinario valor, con árbores como a Aciñeira de Covas no Parque natural da Serra da Enciña da Lastra, ou o Teixedal de Casaio, xoia botánica como non hai moitas en Europa. “Unha verdadeira xoia vexetal, onde se mestura o máxico celta, o misterioso nas raíces de máis de 400 teixos, a maioría deles centenarios, que conviven con acivros, abeleiras, serbais e freixos, entre outras”, segundo destacou a directora xeral, así como o Souto de Rozabales, declarado monumento natural ou o Castiñeiro de Pumbariños, con máis de 1.000 anos de historia.

Ruta Ourense Occidental
O itinerario proposto percorre os concellos de Ourense, Ribadavia, Rairiz de Veiga, Bande, Porqueira, Xinzo de Limia, Os Blancos e Baños de Molgas e neste poden visitarse nove exemplares ou formacións, entre as que destaca o visitado hoxe no Concello de Rairiz de Veiga, a Carballa da Rocha, con máis de 400 anos de antigüidade declarado tamén monumento natural.

Axudas para árbores senlleiras
Co obxecto de conservar estes recursos naturais, a Consellería de Medio Ambiente convocou este ano unha orde de axudas para a conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras de Galicia para este ano 2015.

Cun orzamento total de algo máis de 150.000 euros, foron concedidas 12 solicitudes de axuda, entre as que se atopa unha actuación na Carballa da Rocha, cun financiamento ao 100% da subvención. En concreto, na provincia de Ourense, subvencionáronse ao 100%, cinco actuacións das 12 totais por un importe de algo máis de 26.000 euros. En concreto, para a Carballa da Rocha destinouse unha axuda polo máximo importe por árbore, de 6.000 euros.

O obxectivo do Goberno galego é continuar deseñando novos itinerarios por outros municipios galegos que conten con árbores catalogadas como senlleiras; xa que se trata dunha boa medida para poñer en valor o rico patrimonio natural que ten Galicia, facendo compatible a promoción turística coa conservación do medio.