A Xunta porá a disposición das familias galegas 500 novas prazas en escolas infantís financiadas con fondos públicos
A Xunta porá a disposición das familias galegas 500 novas prazas públicas de 0-3 anos no próximo curso escolar 2015-2016, que estarán financiadas con fondos da Administración autonómica a través do sistema de concerto. Para levar a cabo esta medida, o Goberno galego convocará por primeira vez un concurso público para concertar as 500 prazas, que se sumarán ás novas que están en construción nestes momentos. Nunha primeira fase nas áreas de Galicia cunha maior demanda de escolas infantís públicas, as sete grandes cidades e as súas áreas metropolitanas. Estas novas prazas sumaranse ás de titularidade pública da Xunta, que forman parte da Rede A Galiña Azul, e ao resto de modalidades financiadas pola administración autonómica.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou hoxe en Santiago esta iniciativa da Xunta, que na actualidade se está a traballar cos colectivos máis representativos dos centros de educación infantil de Galicia. Mato apuntou que con esta colaboración o que se pretende é garantir unha convocatoria “eficaz e eficiente”.
A titular de Benestar indicou que esta actuación busca fundamentalmente reforzar e complementar a aposta do Goberno galego pola conciliación da vida familiar e laboral das familias galegas, ao tempo que indicou que contribúe a que os equipamentos e instalacións en funcionamento de Galicia poidan seguir abertos e, polo tanto, poder manter os seus postos de traballo.
Novas escolas en construción e incremento de cobertura pública
Paralelamente, e como o Goberno galego leva a facer desde o ano 2009, a Xunta seguirá a crear novas prazas públicas de 0-3 anos. Proba de isto é que na actualidade e, segundo lembrou a conselleira, están en marcha 14 novas escolas da Rede A Galiña Azul en distintas fases de construción. Desde 2009 e ata o día de hoxe, a Consellería de Traballo e Benestar ten creado un total de 3.320 prazas no conxunto de Galicia, o que significa un 60 por cento máis das que había en 2009. En global, a oferta actual da Rede A Galiña Azul achégase ás 9.000 prazas. Estas prazas súmanse á oferta de 0-3 anos sostidas con fondos públicos, que no curso 2014-2015 suman máis de 19.200 (escolas da Xunta, municipais, de iniciativa social e cheque infantil). O incremento de prazos permitiu mellorar a porcentaxe de atención. De feito, desde o curso 2009-2010 a taxa de cobertura das escolas infantís financiadas con fondos públicos sobre a poboación galega de 0 a 3 anos mellorou en case 12 puntos. Así, se no curso 2009-2010 a ratio era do 18,7%, na actualidade esta taxa ascende ao 30,1%.