A Xunta pon en marcha unha campaña para concienciar os mozos e mozas galegos dos perigos de difundir fotos e vídeos polas redes sociais
A Xunta pon en marcha una campaña para concienciar tanto a mocidade coma as persoas adultas dos perigos que ten difundir determinadas fotografías ou vídeos a través de internet e das redes sociais.
A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, presentaron hoxe a campaña contra o sexting ‘10 razóns para non practicar sexting‘, onde López Abella destacou que esta é unha campaña pioneira en Galicia e incidiu na importancia do control das novas tecnoloxías xa que, segundo datos do Ministerio do Interior, 2 de cada 3 menores en España teñen perfil nas redes sociais, e o 60% deles se conecta diariamente a internet. Case un 30 por cento de nenas e nenos menores de 10 anos posúen un teléfono móbil, porcentaxe que sube ata o 83 por cento en rapaces e rapazas menores de 14 anos.
A Xunta incide na importancia dun uso responsable e seguro das novas tecnoloxías coa fin de evitar os posibles riscos por razón de xénero, e na busca da prevención da violencia sexual en adolescentes e dos comportamentos machistas e sexistas nos novos medios de socialización e convivencia dixital.
A secretaria xeral de Igualdade indicou que España ocupa o terceiro lugar do mundo, detrás de Brasil e Italia, no uso de redes sociais e o primeiro en Europa en facelo dende dispositivos móbiles. Isto conleva un aumento dos delitos relacionados con elas e así, neste ano 2014, máis de 200 persoas foron detidas por delitos sexuais ou de acoso en España. As cifras reflicten que, nos casos de sexting, as mulleres son vítimas de delitos relacionados con esta práctica en maior medida que os homes.
O director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro, indicou que o uso seguro das TICs e das aplicacións das contornas virtuais é unha das principais liñas de actuación dos técnicos do servizo ‘Quérote máis’ e da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado porque “os mozos e mozas poden ter unha percepción do risco máis baixa na hora de compartir unha certa imaxe”.
Neste sentido, os técnicos do ‘Quérote máis’ están a desenvolver o programa ‘Conéctate’, no que se realizan diferentes accións como son a información e asesoramento aos mozos e mozas, tanto presencial como telefónica, en liña, e por mensaxería instantánea; accións formativas para a prevención do ciberbullying, que se desenvolven en centros de ensino, concellos e asociacións, ou campañas de sensibilización e participación na rúa, centros de ensino e a través das propias redes sociais.
Ademais, durante o curso 2013-14 realizáronse 25 intervencións con adolescentes para a prevención de posibles situacións non desexadas de acoso cibernético, coa participación de máis de 600 rapaces e rapazas.
Traballouse co profesorado nos cursos específicos de formación para o traballo co alumnado na aula e con grupos específicos, como menores con medidas xudiciais ou persoas con diversidade funcional.
Así mesmo, a campaña que se está a presentar hoxe difundirase desde as páxinas de http:// xuventude.xunta.es e dewww.voluntariadogalego.org, así como das redes sociais vinculadas, que suman máis de 27.000 seguidores.
Ademais, hoxe mesmo ponse en marcha un Plan de Formacion en diversos concellos galegos que ensinará a mozos e mozas o axeitado manexo das redes sociais, a súa finalidade e as repercusións que poden ter determinados comportamentos de risco, e que denominamos ‘Violencia de xénero e o novo contexto dixital’; Trátase de obradoiros educativos para nenos, nenas e adolescentes, preferentemente expostos a situacións de violencia de xénero, centradas no coñecemento e prevención das novas formas de violencia que xorden no contexto dixital: ciberviolencia de xénero, grooming, sextorsión.
Igualmente, e dando cumprimento aos obxectivos fixados no ‘VI Plan Galego para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes: Estratexia 2013-2015’, a partir do vindeiro 2 de decembro desenvolverase unha formación específica para o persoal de todos os Centros de Información ás Mulleres e das casas de acollida para mulleres en situación de violencia de xénero de Galicia, sobre ‘Violencia de xénero e sexual en internet, redes sociais e smartphones: coñecer, previr e actuar’.