A Xunta pon á disposición dos alumnos do campus de Ourense o Laboratorio Oficial de Metroloxía para impulsar a súa formación práctica
A Consellería de Economía e Industria, co obxectivo de facilitar a formación profesional dos universitarios galegos en actividades relacionados co sector industrial da Comunidade, colaborará coa Universidade de Vigo achegando aos seus estudantes a posibilidade de realizar prácticas no Laboratorio Oficial de Metroloxía de Galicia – LOMG.
Así o explicou hoxe, durante unha visita ás instalacións do centro, o director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, quen destacou que, grazas a este acordo, o alumnado da Universidade, especialmente do campus de Ourense, poderá adquirir unha importante experiencia profesional nas instalacións dun Laboratorio, que ubicado no Parque Tecnolóxico de Galicia, colabora co tecido produtivo galego cubrindo as súas demandas metrolóxicas.
Neste contexto, e como sinalou Bernardo Tahoces, que estivo acompañado polo vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez Vázquez, e polo delegado territorial, Rogelio Martínez, os bolseiros non só terán unha primeira toma de contacto co mundo laboral, senón que mellorarán as súas posibilidades de inserción laboral. Así, o desempeño das prácticas, que terán unha duración de tres meses, permitiralles completar a súa formación académica, adquirindo as capacitacións profesionais adecuadas nunha contorna complexa.
“O Laboratorio de Metroloxía conta cunha longa experiencia e unha ampla carteira de clientes en sectores industrias como o aeronáutico, a automoción ou o sanitario”, apuntou Tahoces, quen destacou que os estudantes, principalmente de carreiras técnicas como enxeñerías e licenciaturas en físicas, terán a oportunidade de beneficiarse do coñecemento do centro.
Neste sentido, o LOMG presta ás empresas servizos de medida, de ensaio, de control metrolóxico de determinados instrumentos, e de asesoramento e formación. Deste xeito, subliñou o director xeral, os universitarios adquirirán experiencia e habilidades profesionais en distintos eidos, que poderán aplicar con posterioridade coa súa inserción no mercado laboral, o que redundará en beneficio da mellora competitiva do tecido empresarial galego.