A Xunta participa en Ourense no acto institucional do Día Mundial da Síndrome de Down
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou onte en Ourense no acto institucional do Día Mundial da Síndrome de Down, no que destacou que un dos obxectivos prioritarios do Goberno galego é a mellora da integración e a calidade de vida das persoas con discapacidade.
Por iso, en 2015 a Xunta de Galicia incrementou por segundo ano consecutivo os orzamentos para a discapacidade, alcanzando unha cifra global de 100 millóns de euros; o que supón un crecemento ao redor do 9 por cento nos dous últimos anos.
Ademais, a Consellería de Traballo e Benestar está a facer un importante esforzo no aumento de prazas públicas para este colectivo. Dende o ano 2009 incrementáronse en case 850 este tipo de prazas, un 20 por cento máis que no período anterior.
Actualmente, en Galicia hai 5.000 prazas públicas en Centros de Día, Centros Residenciais e Centros Ocupacionais para persoas con discapacidade. Para o seu mantemento a Administración autonómica destina máis de 50 millóns de euros ao ano.
Outro eixe básico da actuación da Xunta é o papel fundamental que se lle outorga ao emprego vinculado coa discapacidade, por constituír a mellor ferramenta de integración que existe. Neste sentido, destínanse 17,7 millóns de euros ao emprego para as persoas con discapacidade, dos cales preto da metade están dedicados aos Centros Especiais de Emprego de todo Galicia e os seus 2.000 traballadores con discapacidade.
Apoio ás mulleres con discapacidade
Rueda estivo acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, cuxo departamento —dependente da Vicepresidencia— colabora anualmente con Down Galicia, a través da orde de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que apoian a mulleres en situación de especial vulnerabilidade.
Desde 2009 a Secretaría Xeral da Igualdade subvencionou a Down Galicia con máis de 100.000 euros que, entre outras cousas, empregáronse en investimentos en novas tecnoloxías e para programas de información, asesoramento e orientación laboral para mulleres con algún tipo de discapacidade.
Down Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que desde o ano 1998 agrupa ás asociacións específicas para a síndrome de Down da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre outras moitas funcións, esta asociación encargase de coordinar programas e servizos, colaborar na elaboración de materiais de sensibilización e información e ofrecer servizos de atención especializada. Teñen delegacións en cada unha das sete grandes cidades galegas.