A Xunta mellora e reforza a seguridade do acceso ao Balneario das Laias cun investimento de preto de 160.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de rematar as obras de mellora do acceso á area termal das Laias, dende a estrada N-120. Segundo sinalou a conselleira Ethel Vázquez, quen supervisou a actuación xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, esta intervención certifica o compromiso do Goberno galego coa mellora da seguridade viaria.
A actuación permitiu ensanchar a plataforma e habilitar un espazo diferenciado para a circulación dos peóns, coa conseguinte mellora da seguridade viaria para o conxunto dos usuarios.
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente, trátase dunha mellora de acceso a Laias que suporá beneficios para os preto de 1.500 veciños de Cenlle, pero tamén para os usuarios desta coñecida área termal que cada día atrae a ducias de visitantes.
A actuación complétase coa rehabilitación do firme, a mellora dos sistemas de drenaxe para a evacuación das augas pluviais da calzada, a colocación de canalizacións eléctricas e a reposición da sinalización.
A obra executouse en base a un convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Cenlle o pasado mes de abril. A Administración autonómica comprometeuse a executar as obras e cofinancialas.
A actuación, que contou cun investimento de 160.000 euros (dos que a Xunta achega o 80% e o concello o 20% restante) desenvolvéronse ao longo dun treito de 470 metros da estrada local de acceso ao balneario de Laias dende a estrada N-120. Segundo recolle o convenio, ao remate da actuación, o municipio ourensán será o responsable da conservación e mantemento, tal e como se recolle no convenio.