A Xunta licita o plan de accesibilidade do transporte interurbano aos centros da Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo co obxectivo de mellorar o servizo de transporte público para os cidadáns
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), por un importe de máis de 80.000 euros a redacción dos plans de accesibilidade do transporte interurbano aos centros das cidades da Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo. Trátase dunha iniciativa incluída no marco do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, que analizará os posibles itinerarios e paradas das liñas interurbanas, máis alá das estacións de autobuses, así como a súa incidencia no tráfico urbano.
Entre os obxectivos da Consellería de Medio Ambiente está mellorar a mobilidade na Comunidade galega, polo que está a traballar para facer do uso do transporte público metropolitano máis atractivo para o usuario ao dotalo dun mellor acceso aos núcleos urbanos, reducindo os tempos de viaxe e o número de transbordos a realizar.
A posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano supuxo unha modificación tarifas do sistema de transporte, pasando a un modelo de tarifas sinxelas, que se traduce no aforro dos transbordos e prezos bonificados e maiores descontos por uso recorrente. O seguinte debe incidir fundamentalmente no tempo de viaxe, cuestión que está modulada pola conectividade das redes de transporte urbano e metropolitano, e nos puntos de acceso deste último sistema de transporte nos ámbitos urbanos.
Para levar a cabo este traballo, tense solicitado xa información ás empresas de transporte sobre os principais puntos de interese dos seus usuarios e está previsto o mantemento de reunións cos concellos para conseguir o maior consenso posible no plan de accesibilidade.
No caso das cidades da Coruña e Vigo, onde xa está implantado o Plan de Transporte Metropolitano, o plan de accesibilidade terá que ter en conta o incremento do servizo de transporte colectivo, coa mellora da súa accesibilidade nos respectivos centros urbanos e da conectividade entre ambas redes, urbana e metropolitana.
Estes mesmos parámetros se terán en conta na área de transporte metropolitano de Ourense, onde a necesidade de definición dun modelo de conectividade das redes de transporte urbana e metropolitana dificultaron a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano.
Por último, a área de Pontevedra presenta a peculiaridade de carecer dunha rede de transporte urbano, sendo atendidos os tráficos urbanos mediante varios contratos de xestión de servizo público de transporte interurbano. Este feito determina a necesidade de realizar un tratamento específico que compaxine tanto a adecuada atención de tráficos urbanos cos vixentes servizos interurbanos, así como a mellora na accesibilidade urbana do conxunto de servizos interurbanos e metropolitanos que acceden á cidade do Lérez.