A Xunta licita a renovación do saneamento e abastecemento nos núcleos de Cartelle e Outomuro por máis de 130.000 euros
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación da renovación do saneamento e abastecemento nos núcleos de Cartelle e Outomuro, no Concello de Cartelle, por un orzamento de máis de 130.000 euros. A poboación beneficiada por esta actuación de Augas de Galicia, departamento da Consellería de Medio Ambiente é de 3.000 veciños do Concello de Cartelle.
En ambos casos as redes actuais presentan fisuras e deficiencias, que provocan filtracións. No caso do núcleo de Cartelle, dispón dunha rede de abastecemento e dunha rede unitaria de saneamento, cunha estrutura ramificada e son principalmente de formigón. Tamén sucede que dous dos eixes principais de ambas redes discorren pola beirarrúa da Travesía de Cartelle, ambos presentan roturas producindo filtracións a semisotos e afundimentos nas beirarrúas.
No caso do núcleo de Outomuro, conta cunha rede de abastecemento de auga de 63 mm de diámetro e unha rede unitaria de saneamento duns 250 mm. Ambas redes discorren pola travesía de Cartelle, e detéctanse roturas que producen filtracións.
Para mellorar esta situación en Cartelle as obras levaranse a cabo en dous tramos distintos. O treito un iníciase nun pozo de rexistro existente, dende este punto parten dúas conducións, a primeira de abastecemento formada por unha tubaxe de polietileno cunha lonxitude de 295 m. A segunda condución é a de saneamento formada por tubaxe de PVC coa mesma lonxitude. O punto final de ambas conducións atópase no cruce coa estrada de Madarnas.
O segundo treito iníciase nun pozo de rexistro existente, pártese con dúas conducións duns 200 m de lonxitude cada unha. A condución de abastecemento estará formada por unha tubaxe de polietileno e a de saneamento por unha de PVC. Ambas conducións rematan nun último pozo de rexistro existente.
O novo trazo de Outomuro iniciarase nun pozo de rexistro existente situado no cruce da estrada de Barral a Celanova coa estrada do Viso, dende onde partirán dúas conducións. A condución de abastecemento estará formada por unha tubaxe de polietileno e a de saneamento por unha tubaxe de PVC. O punto final das conducións é un pozo de rexistro dende onde conéctase coa rede existente.
O prazo de execución das obras é de tres meses, polo que estarán rematadas dentro deste mesmo ano 2015. Os interesados en presentar as súas ofertas a esta licitación dispoñen ata o 6 de abril.