A Xunta investirá preto de 165.000 euros nas obras de reforma e adaptación de espazos do estadio do Couto, en Ourense
A Secretaría Xeral para o Deporte licitou a contratación das obras de reforma e adaptación de espazos para aloxar as oficinas e dependencias das federacións deportivas do Estadio do Couto, na cidade de Ourense.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte o anuncio da licitación no que se definen os aspectos fundamentais da contratación para a realización das melloras. As empresas interesadas en participar no concurso dispoñen ata as 14:00 horas do día 15 de xullo para presentar as súas ofertas.
Coa licitación destas obras, que contan cun orzamento de case 165.000 euros, a Xunta de Galicia mellorará o estado das instalacións deportivas do Couto para o seu aproveitamento por parte das federacións deportivas galegas en Ourense. O prazo de execución é de sete meses e a apertura de ofertas publicarase na plataforma de contratación pública de Galicia.
Os traballos previstos desenvolveranse co obxectivo de garantir o mantemento desta infraestrutura deportiva da cidade das Burgas así como o seu funcionamento, deseñando o un calendario de actividades.
O campo de fútbol do Couto foi utilizado esta tempada por dous equipos da cidade, ao abeiro dun acordo que a Secretaría Xeral para o Deporte acadou cos seus directivos. Esta instalación deportiva acolleu a principios de xuño a Copa Deputación e o Memorial Lito de fútbol 7 alevín. Prevese que as melloras que se van realizar neste recinto lle permitan, no futuro, acoller un maior número de acontecementos deportivos.