A Xunta impulsa unha Lei do Solo que dará resposta á necesidade de asegurar a ordenación racional do territorio, o desenvolvemento sustentable do rural e a protección da paisaxe

  • Feijóo di que é unha das principais leis desta década, non só polo impacto das medidas que contén, senón tamén porque supón dar resposta á necesidade dunha norma estable e de consenso que blinde un urbanismo responsable na Comunidade
  • Afirma que a nova normativa non é mérito da Xunta, posto que esta abriu un proceso de participación para contar coas máximas achegas posibles e poder elaborar un texto con vocación de permanencia na lexislación da Comunidade
  • Indica que a Lei do Solo busca perdurar no tempo, por iso se aposta por unha norma práctica e máis simplificada
  • Asegura que a Lei do Solo garante que por fin se poida lograr que todos os concellos teñan nesta década normas urbanísticas de calidade e perdurables no tempo
  • Engade que a Lei garante os dous obxectivos que hai que compatibilizar para dar resposta ao rural: garantir un rural protexido e garantir un rural vivo
  • Sinala que a nova normativa sitúa como gran obxectivo a recuperación e a protección da paisaxe galega, símbolo identitario de Galicia pasa ao primeiro plano
Foto: Archivo Banco Imágenes

Foto: Archivo Banco Imágenes

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou onte que o Consello deu luz verde ao Proxecto de Lei do Solo, co que o Goberno galego dará resposta á necesidade de asegurar a ordenación racional do territorio, o desenvolvemento sustentable do rural e a protección da paisaxe.

Como subliñou o responsable autonómico, trátase dunha das principais leis desta lexislatura, e probablemente desta década, non só polo impacto das medidas que contén, senón tamén porque supón dar resposta a un consenso político e social que hai en Galicia desde hai moito tempo: a necesidade dunha norma estable e de consenso que blinde un urbanismo responsable na Comunidade.

O presidente da Xunta tamén lembrou que esta Lei é froito dun traballo inxente que se desenvolveu ao longo dos últimos anos e que xa levou ao Goberno galego a adoptar decisións de gran relevancia, como a aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio, do Plan do Litoral e a posta en marcha dos trámites para contar cunhas Directrices da Paisaxe en 2016.

Nesta liña, Feijóo apuntou que ese camiño estaría inacabado se non se saldase a gran materia pendente para poñer en valor o noso territorio: unha Lei do Solo que permita dotarnos dun novo marco normativo para ordenar realmente o territorio; que procure un novo marco normativo que facilite o desenvolvemento sustentable do rural; e un novo marco normativo que sirva para protexer de forma efectiva a paisaxe, un activo dun valor incalculable.

A Xunta conclúe un traballo intenso
O mandatario galego apuntou que a Xunta conclúe hoxe un traballo intenso, co que o Goberno galego leva comprometido desde a pasada lexislatura, pero que non é mérito exclusivo desta Administración, posto que se abriu un proceso de participación para contar coas máximas achegas posibles e poder elaborar un texto con vocación de permanencia na lexislación da Comunidade.

Froito dese diálogo con 75 axentes e unha trintena de encontros sectoriais, hoxe podemos preséntase unha Lei que é froito do diálogo e da participación de moitas persoas e entidades, xa que incorporou 8 de cada 10 alegacións feitas ao texto inicial que demos a coñecer en outubro.

Forma e fondo da Lei do Solo
Segundo o presidente da Xunta, Galicia necesita unha Lei do Solo que perdure no tempo e por iso se aposta por unha norma práctica e máis simplificada.

No que atinxe ao fondo da normativa, Feijóo apuntou que a Lei afronta de forma global a lexislación existente na actualidade para dar resposta a tres grandes retos: dar resposta ás demandas actuais da planificación municipal, para que non haxa ningún concello en Galicia sen normas urbanísticas; acentuar a protección do rural, pero garantindo ao mesmo tempo as súas posibilidades de desenvolvemento; e recuperar e garantir a protección futura da paisaxe galega.

Ningún concello sen planeamento
Así mesmo, o presidente da Xunta asegurou que a Lei do Solo garante que por fin se poida lograr que todos os concellos teñan nesta década normas urbanísticas de calidade e perdurables no tempo.

Isto é así porque se vai a poñer a disposición dos municipios máis pequenos (os de menos de 5.000 habitantes) un planeamento básico autonómico, que se elaborará ao longo de 2016 e identificará o conxunto dos 33.000 núcleos de Galicia, delimitando as diversas zonas de afección sectorial. Así mesmo, servirá de materia prima para elaborar os plans básicos municipais naqueles concellos que, pola súa dimensión, teñen dificultades técnicas para facelo.

Do mesmo xeito, a Lei tamén simplifica notablemente os trámites para poder axilizar o proceso de proceso tramitación dos planeamentos. Así, os concellos de máis de 5.000 habitantes conservarán a potestade exclusiva de redactar os seus plans urbanísticos, se ben a nova Lei establece medidas para facilitar e axilizar a súa tramitación; os municipios pasarán a solicitar ante a Xunta un informe único, en lugar dos diferentes informes sectoriais que a Lei en vigor esixe requirir por separado; e coa nova norma, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo será a encargada de recoller eses distintos informes sectoriais e estes deberán emitirse nun prazo máximo de 3 meses ou entenderanse positivos, acurtando nun 75% os tempos da tramitación autonómica dos plans.

Así mesmo, esta Lei dá máis autonomía municipal aos concellos máis grandes, concedéndolles aos de máis de 50.000 habitantes, é dicir, as 7 grandes cidades galegas, a capacidade para aprobar definitivamente os seus plans xerais, contando cun informe preceptivo da Administración autonómica.

Neste eido, Feijóo subliñou a importancia de que se resolva a problemática de gran parte do parque de vivendas de Galicia, en situación de «fóra de ordenación».

Un rural protexido e vivo
O segundo gran reto da Xunta coa Lei do Solo refírese ao tratamento que se lle da ao 93% do noso territorio, que é o rural. Neste senso, esta Lei garante os dous obxectivos que hai que compatibilizar para dar resposta: garantir un rural protexido e garantir un rural vivo.

En relación ao primeiro punto, Feijóo apuntou que cun rural protexido e vivo favorécese o aproveitamento do rural de forma compatible coa preservación dos seus valores.

Así, poténcianse os usos produtivos do rural de forma compatible cos seus valores naturais e culturais, mantendo a prohibición de novas vivendas en solo rústico, agás as vinculadas a explotacións agroalimentarias; recoñécense, ademais, de forma expresa, as capacidades turísticas de Galicia; e co obxecto de preservar os valores do contorno, as novas construcións en solo rústico, deberán axustarse, con carácter xeral, a distintos requisitos.

Así mesmo, para frear a dispersión e fomentar o aproveitamento do xa construído, apóstase con firmeza pola rehabilitación.

Protección da paisaxe
Finalmente, o Proxecto de Lei do Solo tamén sitúa como gran obxectivo a recuperación e a protección da paisaxe galega. Segundo Feijóo, o gran patrimonio colectivo e símbolo identitario de Galicia pasa ao primeiro plano. Por iso, establécense as determinacións necesarias para que as construcións e as instalacións deban adaptarse ao contorno e non ao revés, fomentando a concienciación e promovendo o remate exterior das edificacións.

En definitiva, como asegurou o presidente da Xunta, dáse luz verde a un Proxecto de Lei do solo que pretende dar resposta á necesidade de asegurar a ordenación racional do territorio e a protección da paisaxe a todos os niveis.

O gran obxectivo é que o urbanismo municipal sexa unha peza máis ao servizo desa gran demanda social que é a preservación do territorio galego. Trátase, ademais, dunha reforma lexislativa que nace do consenso, que busca o consenso en todas as etapas da súa elaboración e que se manterá firme nesa aposta ata a súa aprobación definitiva. Neste senso, amosou o se desexo de que esa máxima sexa tamén a guía na tramitación parlamentaria.

 

También te podría gustar...