A Xunta e o Concello de Trasmiras ultiman os trámites para a aprobación definitiva do Plan Xeral deste municipio ourensán
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas, vén de reunirse co alcalde de Trasmiras, Emilio José Pazos, para ultimar os trámites necesarios para a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) deste municipio ourensán.
Encarnación Rivas trasladoulle ao rexedor municipal que agora a Xunta dispón dun prazo de tres meses para estudar o PXOM, período que empeza a contar unha vez que os técnicos autonómicos verifiquen que a totalidade da documentación precisa; expediente administrativo e proxecto de plan urbanístico, está completa.
O Goberno galego, no marco da política de colaboración técnica e financeira cos concellos para a redacción de plans urbanísticos, dotou ao Concello de Trasmiras de varias axudas que suman un importe de preto de 100.000 euros.
A Xunta continúa a traballar no impulso dos plans xerais nos concellos galegos co fin de dotalos dunha ferramenta urbanística para protexer e ordenar o territorio, fomentando así o desenvolvemento económico e social dos municipios.
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo subliñou a importancia da coordinación entre administracións, nestes caso Xunta e Concello de Trasmiras, para a elaboración do plan xeral.