A Xunta destaca que as obras do edificio xudicial de Ourense estarán rematadas este mesmo ano
O director xeral de Xustiza, Juan José Martín compareceu hoxe no Parlamento onde destacou que o edificio xudicial de Ourense estará plenamente operativo ao longo do ano que vén xa que as obras estarán rematadas este mesmo ano.
O Plan de Infraestruturas Xudiciais aprobado pola Xunta de Galicia na pasada lexislatura comprende actuacións de rehabilitación, ampliación ou nova construción e obras de mantemento e mellora nos actuais edificios de xulgados entre as que contempla grandes reformas nos edificios xudiciais de Ferrol e Coruña e xa está plenamente operativo o novo edificio xudicial de Santiago, . a reforma da antiga fábrica de Tabacos en Coruña e as obras de construción do edificio de Ourense que están a piques de rematar, para posteriormente iniciar o traslado.
Este Plan considerou prioritario dotar á cidade de Ourense dunha nova infraestrutura xudicial, que paliase a necesidade de espazo que se está a producir neste momento e que cumprise as necesidades de espazo que se podan producir nos vindeiros anos, polo que en colaboración co concello de Ourense que puxo a disposición da Xunta os terreos precisos para a construción do novo edificio xudicial.
O investimento preciso para a edificación desta nova sede xudicial ascende a máis de 17 millóns de euros, ao que deberá engadirse o investimento preciso para o equipamento do novo edificio, tanto de mobiliario como de equipamento tecnolóxico. Grazas á construción deste novo edificio proxéctase dar solución aos problemas de espazo que hai na actualidade no Pazo de Xustiza de Ourense, así como poder acoller aos novos órganos e servizos xudiciais que se creen nos vindeiros anos.
O novo edificio xudicial conta con máis de 14.000 metros cadrados distribuídos en 9 plantas, que terá no soto un aparcadoiro, arquivos, celdas para os detidos e salas para instalacións e equipamento; no semisoto irán instalados os servizos transversais, isto é, as oficinas do decanato, xulgado de garda, rexistro civil, IMELGA, Servizo Común de Notificacións e Embargos, SERCEN, oficina de atención aos cidadáns e á vítima, colexios de avogados, procuradores e graduados sociais, locais sindicais, correos. Nas plantas baixa e primeira estarán instaladas as dezaseis salas de vistas, das plantas segunda á quinta estarán destinados os órganos xudiciais, con seis xulgados por planta, o que supón unha capacidade total de ata 24 xulgados; e na planta sexta estarán instaladas ás dependencias da Fiscalía Provincial.