A Xunta destaca a importancia da cooperación transfronteiriza en materia sanitaria no marco da Eurorrexión

A Xunta destaca a importancia da cooperación transfronteiriza en materia sanitaria no marco da Eurorrexión

 

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, e o xerente do SERGAS, Antonio Fernández- Campa, clausuraron o Seminario sobre “Asistencia Sanitaria nun contexto transfronteirizo, onde destacaron a importancia da cooperación transfronteiriza en materia sanitaria no marco da Eurorrexión.

Na súa intervención, Gamallo lembrou que a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal está a desenvolver unha «cooperación de proximidade ou de segunda xeración» a través da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, apostando de maneira decidida por conseguir unha Eurorrexión punteira, que teña como os seus alicerces fundamentais o coñecemento e a proximidade.

Nesta liña de traballo, Gamallo lembrou que o pasado 19 de xuño firmouse na Agrupación Europea de Cooperación Territorial de Vigo o Convenio de Colaboración entre a Administración Rexional de Saúde do Norte e a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, co obxectivo de mellorar o acceso á atención sanitaria de calidade para as poboacións das zonas fronteirizas, garantir a súa continuidade, optimizar a organización da oferta de atención sanitaria e promover a complementariedade dos coñecementos e prácticas.

Na súa intervención, o xerente do Sergas explicou as experiencias de integración que se están desenvolvendo en cada unha das Estruturas Organizativas de Xestión Integrada do Sergas e que permiten dar servizos máis próximos ao cidadán e con altos niveis de calidade.

A sinatura deste Convenio de colaboración entre autoridades sanitarias constituíu un paso máis na importante tarefa de consolidar unha Eurorrexión de primeiro nivel entre Galicia e o Norte de Portugal, para que sexa percibida a cotío pola cidadanía como un conxunto homoxéneo. Os traballos do Convenio desembocarán nun Plan Estratéxico de Cooperación Sanitaria entre Galicia e Portugal, no que, previsiblemente estarán involucrados tódolos actores competentes en materia de xestión sanitaria e no eido da cooperación transfronteririza, incluindo precisamente a AECT Chaves-Verín, que conta cunha moi valiosa experiencia na materia.
No Seminario estruturouse en tres eixos: os impactos da aplicación da Directiva europea sobre asistencia sanitaria transfronteiriza, a mobilidade do persoal sanitario e algúns casos prácticos de asistencia sanitaria en fronteira, e contou coas achegas de representantes dos sistemas de saúde galego e portugués e coa do Director do Hospital da Cerdaña, na fronteira franco-española.

A finalidade última tanto do Seminario como do Convenio asinado en Vigo en xuño de 2014 é asegurar un mellor acceso á atención sanitaria de calidade para as poboacións das zonas fronteirizas, garantir su continuidade, optimizar a organización da oferta de atención sanitaria e promover a complementariedade dos coñecementos e prácticas.

A Comunidade de Traballo vai seguir fomentando, axudando e colaborando con tódalas propostas que xurdan para mellorar a cooperación transfronteiriza. E entre as máis suxestivas, sen dúbida a colaboración no eido sanitario é unha prioridade.

También te podría gustar...