A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense destina 460.889 euros para infraestruturas e cultura da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada onte no Pazo Provincial aprobou axudas por importe de 460.889,71 euros para os ámbitos de infraestruturas e cultura a favor de asociacións e concellos da provincia de Ourense. Así o informou esta mañá a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 18 de decembro.
A Xunta de Goberno modificou o prazo de solicitude das bases reguladoras para a concesión de axudas a clubs deportivos como das Copas Deputación ata o 1 de febreiro.
En concreto, aprobaron axudas para distintas entidades entre as que se atopa á da Asociación de Veciños da Parroquia de Santa María «La Rasela» para a realización de obras no Centro Social da Rasela, por valor de 25.000 euros. Outra das axudas foi a favor da Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das Comarcas de Monterrei-Conso Frieiras para o Plan de Turismo Portas de Galicia 2014, por importe de 142.617,91 euros. Asemade, aprobaron por valor de 30.000 euros a favor de Aquae Querquennae Vía Nova, para actividades e gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2015.
Entre as axudas aos concellos, a Xunta de Goberno aprobou dúas axudas a favor do Concello da Gudiña, unha para equipamento de parques biosaudables por valor de 10.130,12 euros e outra para arranxo de camiños municipais por importe de 20.000 euros. Concederon unha axuda de 60.000 euros ao Concello de Leiro para a pasarela da Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Tamén aprobaron dúas axudas a favor do Concello de San Cristovo de Cea, unha por importe de 50.000 euros para reformas do velorio municipal e outra de 20.000 euros para reparación de vías municipais.
Asemade aprobaron na reunión desta mañá unha axuda a favor do Concello de Oímbra de 8.979,32 euros para a construción dun parque en Bousés, ao Concello da Peroxa unha axuda por valor de 6.000 euros para o estudo técnico de navegabilidade do río Miño entre Velle e Os Peares, e ao Concello de Riós 15.000 euros para reformas no Punto de Atención á Infancia. E nesa mesma liña, aprobaron unha axuda a favor da Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense por importe de 60.000 euros para a construción e posta en marcha do Punto de Atención á Infancia. Por último, outra das axudas aprobadas foi a favor do Concello de Paderne de Allariz por importe de 13.162,46 euros para a compra dunha rozadora.