A Xunta de Galicia apoia a promoción da Festa do Queixo de Arzúa, que este ano acada a súa 40 edición
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, asistiu onte ao acto de apertura da Festa do Queixo de Arzúa, que este ano acada a súa 40 edición, e que terá lugar no recinto feiral da localidade ata o luns. Acompañada polo alcalde, José Luis García, Do Campo destacou a importancia deste tipo de celebracións, que teñen como principal atractivo a exaltación dalgún produto enogastronómico, como neste caso o queixo da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, que xa en 1989 recibiu o distintivo de produto galego de calidade e desde 1995 acadou a denominación de orixe.
A máxima representante do Goberno galego na provincia incidiu na fortaleza dos produtos alimentarios galegos, en especial os queixos da Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, que se debe, fundamentalmente, á súa aposta pola calidade. Isto converte estes produtos nunha saída da nosa comunidade para medrar fóra das nosas fronteiras e conseguir ingresos. “Para saír ao exterior Galicia necesita de produtos únicos, con imaxe propia e calidade contrastada, como é o caso do Queixo Arzúa-Ulloa, que coa súa denominación de orixe e o seu regulamento en vigor, ten unha garantía de prestixio”, indicou, á vez que aclarou que “todo isto non sería posible sen os veciños da comarca de Arzúa que engaden os factores do traballo e do enxeño durante os moitos anos que levan fabricando e mellorando o queixo”. Pero aparte da súas potencialidades como industria, o queixo Arzúa-Ulloa, e singularmente a Festa do Queixo de Arzúa, constitúe un reclamo turístico cada vez máis importante, explicou a delegada territorial.
Do Campo salientou neste senso que esta festa continúa a ser un referente na nosa comunidade por exaltar un dos queixos máis producidos e consumidos en Galicia, feito artesanalmente desde hai séculos. É destacable tamén a relación deste produto lácteo coa tradición artesanal e coa gastronomía de Galicia, así como a súa importancia ao longo da historia na alimentación das civilizacións como fonte fundamental de proteínas e graxas, cunha evolución cara a especificidade, as melloras produtivas e tecnolóxicas que non deixou perder o modo ancestral de produción e os hábitos de consumo. Segundo sinalou, o Plan de Integral de Turismo de Galicia inclúe unha liña estratéxica baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, para a busca da desestacionalización e de novos públicos.
Nesa liña de actuacións, inclúese a promoción e mellora das festas de exaltación de produtos enogastronómicos, especialmente as declaradas de Interese Turístico –como neste caso, que conta co recoñecemento desde 1999-, mediante a consolidación de criterios homoxéneos de calidade e a promoción e valorización dos produtos sostibles e de calidade, conectados coa oferta de turismo industrial. “O obxectivo desta liña é desenvolver e promocionar o produto transversal do turismo enogastronómico e crear novos produtos turísticos para dinamizar a actividade e xerar experiencias turísticas senlleiras”, manifestou a delegada territorial, quen ademais destacou a potencialidade do encontro que se desenvolve en Arzúa, por atoparse no Camiño de Santiago.
“A través da ruta xacobea, pode potenciarse tamén a enogastronomía galega, dado que contribúe ao deseño dunha oferta segmentada por intereses”, comentou, á vez que incidiu en que “a través da gastronomía se poden vivir experiencias singulares no Camiño, coñecendo a cultura gastronómica dos máis de cen concellos atravesados polas Rutas Xacobeas”.
Unha festa que combina a exaltación do produto con actividades lúdicas e culturais Durante esta fin de semana, esta localidade da Galicia interior programa tres noites de música con artistas de primeira liña, que son a culminación de densas xornadas de teatro, concursos e actividades para nenos, que poden incluso participar nun obradoiro para elaborar queixo.
Pero, sobre todo, son xornadas para coñecer e gozar deste alimento de fabricación artesá. A Asociación de Hostaleiros de Arzúa e a Denominación de Orixe “Arzúa-Ulloa” participan na organización dun concurso de tapas e pinchos que ten lugar nos establecementos do municipio. Os produtores da zona contan tamén con espazos para amosar e vender os diferentes queixos, frescos ou curados. Unha das principais calidades desta festa é a de conxugar unha actividade tradicional, como é a gandaría e a elaboración do queixo, con expresións artísticas e lúdicas de vangarda, como os encontros de artistas urbanos ou os concertos de música.