A Xunta aposta polo potencial económico do turismo gastronómico e a internacionalización da cociña galega
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inauguraron onte as Xornadas Gastronómicas Galego-Cubanas, onde resaltaron a aposta do goberno galego polo potencial económico do turismo gastronómico e a internacionalización da cociña galega.
Alfonso Rueda resaltou os beneficios económicos da nosa gastronomía xa que cada vez máis estase convertendo nun atractivo turístico de primeiro orde, propiciando tamén un nexo de unión, tanto cultural coma económico, entre Cuba e Galicia no que se refire ao sector agroalimentario, xa que hoxe en día a nosa comunidade é unha referencia a nivel internacional nas empresas do sector.
Rueda e Miranda participaron posteriormente na inauguración da exposición “Memorias da peregrinación. Camiño de Santiago, primeiro itinerario cultural europeo”, onde segundo explicou o vicepresidente da Xunta, recorda a declaración do Camiño de Santiago por parte da Unión Europea como primeiro itinerario cultural europeo.
Como patrimonio da Humanidade, o Camiño é unha das grandes riquezas que unen aos pobos, nación, linguas e culturas, tal e como reflexa a exposición adicada á internacionalidade do Camiño na cidade da Habana, o que amosa o interese do pobo cubano e dos galegos de Cuba por un dos elementos máis universais da comunidade galega.