A Xunta apoia o desenvolvemento e a promoción turística das comarcas ourensás de Valdeorras e Terras de Trives
- O delegado territorial en Ourense, Rogelio Martínez, participou hoxe na presentación da Asociación empresarial de turismo do Xeodestino Manzaneda-Trevinca
- A diversificación da oferta turística e a mellora da calidade, xunto ao desenvolvemento socioeconómico dos seus municipios, son algúns dos obxectivos desta agrupación
- Martínez subliñou o respaldo de Turismo de Galicia a este xeodestino, integrado por 13 concellos ourensáns
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou esta tarde na presentación da Asociación empresarial de turismo do Xeodestino Manzaneda-Trevinca (ATREMAN), apoiando a esta nova organización dedicada á promoción, desenvolvemento e dinamización do sector turístico da zona.
ATREMAN é unha iniciativa dos empresarios de Valdeorras e Terras de Trives, que xurdiu a partir das expectativas orixinadas pola posta en marcha do Xeodestino nº12 Manzaneda-Trevinca, que agrupa a 13 concellos. Na súa intervención, Rogelio Martínez subliñou que “os xeodestinos constitúen a base dunha boa estratexia local para fomentar o turismo, enriquecendo o carácter xeográfico dun lugar e do seu ambiente, patrimonio, estética, cultura e, sobre todo, o benestar dos seus habitantes”.
O xeodestino Manzaneda-Trevinca está constituído por 13 concellos: A Pobra de Trives, A Rúa, A Veiga, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa, Larouco, Manzaneda, O Barco de Valdeorras, O Bolo, Petín, Rubiá, San Xoán de Río e Vilamartín de Valdeorras.
O plan director 2015-2017 para este xeodestino , aprobado a comezos de ano, consiste nun cronograma lineal, que inclúe melloras de infraestruturas, imaxe, comunicación ou promoción.
O delegado territorial afirmou que “coas iniciativas da Asociación empresarial de turismo, se complementarán as accións que desenvolve a Xunta de Galicia para promocionar o xeodestino”. Neste sentido, Turismo de Galicia difunde os servizos ofrecidos por este enclave, como actividades que combinan a estación de montaña de Manzaneda con macrosendas polo val, xunto con visitas aos espazos naturais protexidos, como os montes de Pena Trevinca que forman parte da Rede Natura. O máximo representante da Xunta en Ourense recordou ademais que “estas terras non son só coñecidas polo seu patrimonio natural, senón tamén polo seu viño, coa Denominación de Orixe propia Valdeorras”, e incidiu no potencial que ten o enoturismo para o desenvolvemento económico destas terras.
Por último, Martínez quixo lembrar que o turismo “contribúe cun importante papel á recuperación económica” e que a Xunta “impulsará ese potencial” colaborando coa Asociación de turismo do Xeodestino Manzaneda-Trevinca en distintas iniciativas.
No acto de presentación tamén interviñeron a presidenta de ATREMAN, Montserrat Rodríguez González; o alcalde de O Barco de Valdeorras, Alfredo García, e representantes da Deputación ourensá.