A Xunta anuncia a constitución da Comisión de seguimento do Plan director do Camiño de Santiago
A Xunta anuncia a constitución da Comisión de seguimento do Plan director do Camiño de Santiago.
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto co alcalde de Santiago de Compostela, Agustín Hernández, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, anunciou hoxe a constitución da Comisión de Seguimento do Plan Director do Camiño de Santiago na que, ademais de Turismo de Galicia, participan representantes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, e da FEGAMP.
Nesta primeira reunión da Comisión, celebrada esta mañá no Consello Económico e Social de Galicia, a empresa adxudicataria deu conta do traballo desenvolvido ata o momento e a previsión de traballo inmediato. Así, explicou que xa se realizaron numerosas entrevistas a diversas competencias da Xunta de Galicia, dos concellos e do sector turístico. “Queremos que neste plan estean involucrados todos os axentes e que estes teñan voz para que o resultado sexa produto da colaboración público-privada”, afirmou a directora de Turismo de Galicia ao finalizar o encontro.
Segundo explicou Nava Castro, o motivo da creación dun Plan Director do Camiño de Santiago vén dado polo espectacular crecemento no número de peregrinos e polo redimensionamento como fenómeno que supera o ámbito nacional. No pasado ano Santiago de Compostela recibiu 215.880 peregrinos, un 12,15% máis que no ano anterior segundo os rexistros elaborados pola oficina de acollida ao peregrino e este ano os peregrinos estanse a incrementar en case un 10% con respecto ao pasado ano. Mais de 225 mil peregrinos xa recibiron a Compostela este ano e deles mais da metade son estranxeiros.
Este plan que contará con dous documentos, o Plan director propiamente dito é un plan estratéxico de actuación, ten por obxecto revitalizar e promover o estudo e investigación de todas as rutas xacobeas, a súa infraestrutura e o seu patrimonio e o seu legado inmaterial.
Así, preténdese que o plan contribúa á mellora do Camiño ao longo de todas as rutas, adaptando medidas específicas para cada unha delas e definindo directrices que colaboren á mellora de aspectos ambientais, á xestión de fluxos, á mellora dos trazados e da sinalización e á mellora dos servizos turísticos entre outros cometidos.
A elaboración deste Plan director do Camiño de Santiago xa viña reflectida na primeira liña estratéxica do Plan Integral de Turismo de Galicia na que se recoñece o Camiño de Santiago como eixo vertebrador de novas alternativas de turismo e modelo demostrador internacional.
Todas as actuacións do Plan Integral de Turismo de Galicia están calendarizadas e o compromiso asumido pola Xunta de Galicia é a redacción do Plan Director do Camiño de Santiago neste ano 2014.
O Plan director tratará de abordar a xestión do Camiño co horizonte 2021, cando se celebra o próximo Ano Santo, para, cun carácter transversal, abordar a problemática que rodea o Camiño implicando os diversos axentes, tanto públicos como privados e a propia sociedade galega en xeral.
“O Camiño de Santiago é o noso produto estrela, a nosa marca diferencial e de calidade, o noso sinal de identificación a nivel internacional, pero tamén constitúe un importante elo no desenvolvemento socioeconómico para os máis de 100 municipios galegos que atravesa”, afirmou Nava Castro.
Xunto a estas fortalezas existen outras debilidades que se pretenden detectar e ofrecer propostas estratéxicas de actuación de cara ao futuro.
“Tanto no proceso da análise interna como externa do Camiño de Santiago procurarase a máxima participación dos axentes e sectores implicados pois estamos ante un dos grandes proxectos de Galicia”, concluíu a directora de Turismo de Galicia.