A Xunta adxudica as obras de mellora de saneamento e abastecemento en Seadur, no Concello de Larouco, por un importe de máis de 270.000 euros
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudica as obras de mellora no saneamento e abastecemento no núcleo de Seadur, no Concello de Larouco, por un importe de máis de 270.000 euros.
Estas actuacións hidráulicas, que foron adxudicadas á empresa Aglomerados y Construcciones Valdeorras, S.A (ACOVAL), comezarán nas vindeiras semanas e prevese a súa finalización para finais deste ano.
Actualmente o núcleo de Seadur abastécese unicamente da auga provinte dun depósito regulador de 50 m3 que se atopa en mal estado. Coa fin de solucionar este problema, proxéctase a instalación dun novo depósito de 50 m3, situado a 200 metros do depósito actual. Deste punto partirán dúas tubaxes, a primeira en polietileno, cunha lonxitude de 196 metros, conectará o novo depósito coa tubaxe de entrada do depósito existente; a segunda será de distribución da auga a todo o núcleo, tanto nos eixos principais da rede como nos secundarios empregarase tubaxe de polietileno, cunha lonxitude total de 2.640 metros.
A rede de saneamento actual tamén presenta diferentes carencias, polo que se renovará mediante un total de 3.038 metros de tubaxe de PVC de 250 mm de diámetro e dividida en 18 treitos, que recollerá as augas do núcleo e conduciraas ata a estación depuradora de augas residuais (EDAR).
A Xunta de Galicia, mediante a execución deste tipo de actuacións, pretende garantir a subministración de auga en calidade e cantidade á poboación. Ademais, a renovación da rede de abastecemento evitará perdas de auga e filtracións ao medio, optimizando o funcionamento da depuradora e mellorando a calidade dos recursos hídricos.