A Xunta activará unha liña de axudas para evitar os cortes de subministración eléctrica por impagamento ás familias galegas con menos recursos
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou onte que a Xunta está a traballar nunha liña de axudas para evitar os cortes de subministración eléctrica por impagamento ás familias galegas en situación de vulnerabilidade. Así o avanzou na rolda de prensa tras a reunión do Consello, onde explicou que este plan se activará en xaneiro de 2016, aínda que cubrirá as facturas correspondentes a novembro e decembro deste ano.
“Despois de dialogar e de negociar coas empresas subministradoras de enerxía eléctrica en Galicia, imos poñer en marcha un novo programa para reforzar o apoio ás familias con menos recursos que, durante algún mes, atopan na factura eléctrica un obstáculo para poder pagar en prazo”, dixo.
Feijóo precisou que cando unha familia se identifique como vulnerable e en risco de sufrir un corte de subministración eléctrica como consecuencia do impagamento ou atraso no pagamento da factura, activarase un protocolo de emerxencia que derivará na intervención inmediata da Xunta. Ante esta situación, e despois da comunicación previa da comercializadora, procederase á aprobación dunha axuda directa para o pago das cantidades pendentes, evitando o corte de subministración e garantindo o servizo básico.
Segundo indicou, o pagamento realizarase directamente desde a Xunta á empresa subministradora e a Administración galega asumirá un máximo de dúas mensualidades ao ano por familia, tendo en conta que a factura non poderá superar en máis dun 20 por cento a do mesmo período do ano anterior.
Enténdese por familias en situación de vulnerabilidade, concretou, as que cobran a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) con menores de 16 anos ao seu cargo; e aquelas que, con menores de 16 anos ao seu cargo, contan con rendas salariais no entorno da Risga; é dicir, todas as familias que están dentro do Plan de loita contra a desigualdade económica que a Xunta está a implementar nos últimos meses.
Axudando ás familias que máis o precisan
Feijóo explicou que con esta medida a Xunta dá un novo paso a favor dos consumidores máis vulnerables nun contexto económico que dificulta a moitas familias dispoñer dos recursos económicos suficientes para o pagamento da enerxía coa que cubrir as súas principais necesidades.
Trátase, dixo, dunha iniciativa que se suma a outras que a Xunta xa adoptou neste sentido, como o tícket eléctrico social, ao que xa se acolleron 1.700 familias galegas que, a través del, conseguiron aforros de ata o 40 por cento. Tamén sinalou o traballo que está a realizar o Instituto Galego de Consumo na defensa dos consumidores eléctricos, posto que se resolveron ao seu favor máis do 75 por cento das preto de 1.700 reclamacións presentadas neste eido nos seis primeiros meses deste ano. E ademais, mencionou que o Inega está a apoiar a implantación na industria e nos fogares galegos de equipos enerxéticos máis eficientes.