A xornalista Victoria Prego, Premio ‘Ourensanía 2014’

  • O xurado, que fallou hoxe o galardón no Mosteiro de San Pedro de Rocas,  destaca “as imprescindibles achegas que fixo nos ámbitos da comunicación e da política para entender a historia de España dende a Transición ata os nosos días”. 
  • Victoria Prego, sempre comprometida, de seu e polas súas raíces, con Ourense, é unha voz indiscutible que creou escola xornalística, opinión e sentido crítico, achegando criterio e prestixio na súa escrita, referendada polas máximas autoridades institucionais, historiadores e investigadores da España do último medio século

Xurado Ourensanía 2014 - 1

 

A xornalista Victoria Prego ven de ser recoñecida co Premio “Ourensanía 2014”, un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

O xurado, reunido hoxe no Mosteiro de San Pedro de Rocas (Esgos) deu a coñecer esta mañá o seu fallo, no que acordou conceder por unanimidade este premio a Victoria Prego destacando “as imprescindibles achegas que fixo nos ámbitos da comunicación e da política para entender a historia de España dende a Transición ata os nosos días”. Ademais, o xurado considera a Victoria Prego -sempre comprometida, de seu e polas súas raíces, con Ourense-, unha voz indiscutible que creou escola xornalística, opinión e sentido crítico, achegando criterio e prestixio na súa escrita, referendada polas máximas autoridades institucionais, historiadores e investigadores da España do último medio século”.

Neste senso, este ano 2014 cobra especial relevancia a figura de Victoria Prego por canto foi o ano do falecemento de Adolfo Suárez e o da sucesión da Coroa de España.

Na súa acta, o xurado subliña que a traxectoria profesional de Victoria Prego –filla do xornalista e dramaturgo ourensán Adolfo Prego de Oliver- supón “un irmandamento constante co rigor, o compromiso social e unha maneira de entender o xornalismo que vai máis aló da mera cobertura informativa dunha noticia, para transcender ao ámbito da conciencia crítica que permitiu á nosa sociedade contar con elementos obxectivos pero tamén con opinións, que foron dando corpo ao que se deu en chamar o “Espírito da Transición”, do que Victoria Prego foi a narradora e o altofalante máis cualificado”.

Xurado Ourensanía 2014 - 2

Nacida en Madrid, pero fondamente vencellada á provincia de Ourense, Victoria Prego estudou Ciencias Políticas e Xornalismo. Ingresou en RTVE en 1974, onde traballou nos servizos informativos e presentou o Telediario e, co paso dos anos, foi afondando na información política, da que se converteu en especialista. Tamén coloaborou con outros medios informativos de prensa, radio e TV, e foi correspondente de TVE en Londres. Posteriormente realizou a serie de documentais sobre a Transición española, estreados en 1995, un traballo que analiza sinaladamente esta etapa política e no que puxo voz e rostro a destacados persoeiros da Transición. Na actualidade é adxunta ao director de El Mundo.

O xurado, presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, estivo integrado por Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez (quen actuou como secretario do xurado), e os vogais: Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense; Jesús de Juana, director da UNED en Ourense, e Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense.

A entrega do galardón terá lugar o vindeiro 11 de novembro nun acto que se celebrará no Teatro Principal de Ourense, coincidindo co Día de San Martiño -xornada do patrón da Ourensanía-, e contará cunha ampla representación de persoeiros dos ámbitos social, cultural, económico e institucional. No transcurso do acto, o presidente da Deputación de Ourense entregaralle a Victoria Prego unha figura de bronce do escultor Xosé Cid e o diploma acreditativo do galardón.

También te podría gustar...