A Web da compostaxe doméstica
- Medio Ambiente e Sogama lanzan unha páxina web para difundir entre a poboación a compostaxe doméstica
- A través da dirección www.compostaconsogama.gal, o internauta poderá obter información sobre as vantaxes ambientais, económicas e sociais que trae consigo a autocompostaxe
- O sitio web estruturarase en varios apartados nos que se explica que é a compostaxe, factores que inflúen na mesma, función do composteiro, materiais que non deben ser depositados no mesmo, ou os problemas habituais e solucións
- Para os cidadáns que non poidan ou non queiran mercar o recipiente, e que en todo caso deben habitar en vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo no que utilizar o compost resultante, aportaranse alternativas para fabricalo manualmente
- Os datos proporcionados complementaranse cunha serie de recursos de apoio, que toman a forma de manual e vídeo
- Achegarase tamén un mapa no que se identifican os concellos que están adheridos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, a través do cal xa se repartiron máis de 5.100 composteiros
- A web tamén se deterá a explicar o sistema de recollida selectiva, clarificando os residuos a introducir en cada un dos contedores habilitados nas vías públicas
A consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e Sogama, no marco da campaña educativa “Ti es a peza que falta”, lanzaron conxuntamente o sitio web www.compostaconsogama.gal, co que se pretende difundir entre a poboación as vantaxes, tanto ambientais como económicas e sociais, da compostaxe doméstica. Esta iniciativa inscríbese na firme aposta que se está a facer pola compostaxe, conforme ao Plan Galego de Xestión de Residuos Urbanos 2010-2020.
No sitio web, explicase con detalle en que consiste e como levala a cabo para obter un compost de calidade a partir da fermentación controlada da materia orgánica, é dicir, un abono natural que cumpra con todos os requisitos contemplados pola normativa vixente e que poida ser aplicado na agricultura con absolutas garantías e sen restricións.
A páxina estruturarase en diversos apartados a través dos cales o internauta pode acceder á información máis relevante. Así, explicarase que é a compostaxe doméstica, proceso a levar a cabo, que factores inflúen na mesma, cal é a función do composteiro, problemas habituais e solucións, como recoñecer un bo compost, cales son as súas aplicacións e que beneficios reporta.
Así mesmo, concretaranse os materiais que deben e non deben ser depositados no recipiente, incluíndo entre estes últimos os restos de carne e peixe, aceites vexetais e minerais, e produtos lácteos.
E para as familias que, por diversas razóns, non poidan ou non queiran mercar o composteiro, aportaranse alternativas para fabricalo manualmente, constituíndo este todo un exemplo de reutilización e de reciclado. Explicarase como montalo cunha malla metálica, con palés de madeira, con ladrillos ou ata cun bidón, sinalando os pros e contras en cada caso.
Pormenores e vantaxes
A compostaxe doméstica non é máis que a transformación da materia orgánica, baixo condicións controladas, nun abono natural a aplicar ao solo e que vén substituír aos fertilizantes artificiais. De aí a necesidade de que as vivendas que decidan participar nesta iniciativa sexan unifamiliares e conten con terreo (horta, xardín e/ou terras de cultivo) para aplicar o compost resultante.
Dado que a fracción orgánica representa en torno ao 40% da composición media do lixo doméstico, se se recicla e recupera en orixe, evítase o seu depósito nos contedores convencionais. Isto permitirá aos concellos diminuír a frecuencia de recollida e transporte, e, xa que logo, as emisións de CO2, así como as cantidades de residuos entregadas a Sogama para o seu tratamento, véndose reducido de forma simultánea o importe da factura a pagar a esta empresa pública. Ademais, con esta alternativa recupérase unha práctica tradicional en Galicia, como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando ou fabricación de compost.
A información da web complementarase cunha serie de recursos de apoio tales como un manual e un vídeo de autocompostaxe, onde se explicará con detalle a técnica a seguir polos usuarios, á vez que se inclúe un mapa no que se sinalan os concellos que a día de hoxe se atopan adscritos ao programa de compostaxe doméstica de Sogama, e que suman a cifra de 109. A este total, habería que engadir 53 centros educativos e 9 colectivos sociais, tendo repartido entre todos eles máis de 5.100 composteiros.
De feito, o programa impulsado pola empresa pública segue un rigoroso protocolo no que se inclúen cursos de formación destinados aos participantes, a dotación de composteiros e o asesoramento externo, debendo encargarse os gobernos locais de facer un seguimento casa por casa para comprobar a evolución do proxecto, resposta da poboación ao mesmo, solventar posibles dúbidas e corrixir os erros detectados.
Recollida selectiva
En www.compostaconsogama.gal tamén se fará referencia ao sistema de recollida selectiva de residuos, concretando cal é o seu obxectivo e precisando os materiais que deben e non deben ser introducidos en cada un dos contedores habilitados nas vías públicas: amarelo, destinado a acoller os envases de plástico, as latas e os briks; azul, para os de cartón e papel; iglú verde, para os envases de vidro; recipiente específico para pilas; e contedor verde xenérico, para a fracción resto, que Sogama valoriza enerxeticamente con todas as garantías medioambientais e de protección da saúde.
Así mesmo, aludirase aos residuos especiais (voluminosos, residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, fluorescentes, vernices, etc), que deben ser entregados nos puntos limpos municipais a fin de garantir a recuperación dos mesmos en condicións axeitadas.