“A viña libérame desta desgrazada situación”, Gabriel Prada, actor

  • Gabriel Prada é un actor barquense prexudicado polo parón cultural que se deriva da crise do coronavirus
  • Viviu o mundo da viña dende hai moitos anos e agora estalle servindo de refuxio mentres espera a volta aos escenarios

 

Gabriel Prada naceu en Viloira, no Barco de Valdeorras, alá polo ano 1961. A paixón polo teatro forma parte da súa vida dende ben pequeno e conta que o seu ‘mentor’, un referente na súa vida, foi o valdeorrés Paco González.

Despois de anos actuando como amateur e formándose moitísimo, decidiu este 2020 poñerse nas mans de Hermanager Producións para representalo como actor e para distribuír o seu espectáculo teatral “Quimera”. A pandemia chegou en marzo, mal momento para o sector cultural pois paralizou todo por completo, todo menos o optimismo de Gabriel. Asegura estar aproveitando estes meses para ter máis paz e contacto coa natureza, para dedicarlle máis tempo ás viñas e di estar preparado para saír do letargo interpretativo canto sexa posible.

Falamos con el para coñecer algo máis da súa historia persoal xunguida ao mundo da interpretación.

 

Dende cando es consciente do teu interese polas artes escénicas?

O meu interese polas artes escénicas parte da miña etapa de formación escolar, etapa na que comecei a participar en diversos proxectos teatrais.

 

Como te achegaches a este oficio para aprender e medrar no mundo da interpretación?

O achegamento a este oficio foi un proceso vital no que nunca pensei chegar pero foi un proceso de transformación do meu traballo teatral mesturado coa miña propia vida que me levou inexorablemente a plantexarmo como a miña propia vida.

 

O Mentor fundamental no meu proceso de formación teatral sen lugar a dúbidas foi Paco González

 

Algún referente ou mentor?

O Mentor fundamental no meu proceso de formación teatral sen lugar a dúbidas foi Paco González, co que ademais de ser alumno seu promoveu en min unha nova visión do acto teatral e que me encamiñou polo mundo a mostrar o meu traballo. Un home cheo dunha inmensa xenerosidade e amor á súa profesión. Un exemplo a seguir.

 

Que nos podes contar dos teus anos facendo teatro afeccionado? 

A miña etapa coma amateur é unha etapa de formación, de formación coma actor pero tamén intentando imbuírme de todo o proceso, sexa escenografía, iluminación, produción, distribución, etc. Foi unha etapa apaixonante onde coñecín a moita xente que vive esta arte coma un proceso de amor, de desfrute, todo cheo de xente que aflora sinceridade e paixón.

 

Síntome máis a gusto no mundo do clown e as súas linguaxes

 

Podendo escoller, por que tipo de teatro te decantas para traballar?

Síntome máis a gusto no mundo do clown e as súas linguaxes  produto do que aprendín co meu mestre Paco González, é un traballo ata certo punto minimalista, sinxelo a partires do que se poden contar moitas cousas e que dá o mesmo facelo en Galicia, en Francia ou no mundo árabe. Esta é unha experiencia que vivín e que me enche de gratitude ao ver que todo o mundo entende as miñas propostas

 

Como se chega a ser un bo clown? Que trazos cres que son comúns aos mellores nesta disciplina interpretativa?

(Risas) Esta é unha pregunta complexa aínda que acabe de dicir que é sinxela. O importante creo que é entender o código de traballo, a súa linguaxe e logo traballar con xenerosidade e sen artificios sacando de nós a pureza nos sentimentos, traballar dende as emocións.

 

Cónstanos que este ano, coa idea de ‘dimensionarte’ como actor, tamén no eido audiovisual, puxécheste nas mans dun representante. Cóntanos.

Pois tomei a decisión de dar ese salto de vertixe de introducirme no eido profesional, eu tiña experiencia no amateur á hora de distribuír os meus traballos pero dinme conta que este é un universo diferente e que necesitaba dun profesional que soubera axudarme a camiñar por este novo mundo, e estou agradecido a que lle guste o meu traballo e crea en min. Teño que agradecerlle a Hermanager Producións esa visión positiva do meu traballo e teño moitas ganas de que este proxecto me encha de moitas experiencias e que teña a fortuna de introducirme neste novo mundo.

 

… pero eu penso que desta sairemos reforzados, espero que cunha nova visión do mundo e que as artes escénicas teñen que contribuír a crear ese novo mundo

 

En marzo chega o coronavirus. Todo parado e moita incerteza no sector cultural. Como ves o presente e o futuro próximo?

Estamos a vivir unha etapa nova, desconcertante, un tempo para o que non estábamos preparados e polo tanto un tempo cheo de incertezas. Agora neste momento todo esta parado, adormecido, en corentena…  pero eu penso que desta sairemos reforzados, espero que cunha nova visión do mundo e que as artes escénicas teñen que contribuír a crear ese novo mundo. Eu son positivo, (risas) ten que haber unha catarse. En canto ao teatro penso que ao longo da historia da humanidade este sufriu de moitos momentos de crise e seguro que desta tamén sairemos, tamén a superaremos.

 

Actor si, pero como bo valdeorrés tamén tes unhas viñas que atender. Cóntanos.

Ben, ese é o mundo no que levo case toda a miña vida e entes momentos vivo un momento de privilexio ante todo este proceso de confinamento. Desfrutar da natureza, vivir en espazos abertos, sen trabas e pensando nos procesos de cultivo serve para liberarme desta desgrazada situación, e ademais é unha liberación ante a inseguridade no eido teatral do momento. Neste momento en que toda aquela velocidade na que vivíamos paralizouse e entramos noutro tempo, noutro ritmo que para min é unha boa terapia. 

 

También te podría gustar...