A Veiga, Quiroga e Trives recibirán axudas para a contratación de persoal nas oficinas de turismo
- O DOG publicou as axudas da Xunta aos municipios turísticos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo
- A contía máxima é de 5.200 euros por concello
- Concellos en Valdeorras e comarcas veciñas: A Veiga (5.200 €), Quiroga (5.200 €) e A Pobra de Trives (5.078,13 €)
O Diario Oficial de Galicia publicou onte as axudas que a Xunta de Galicia concede aos concellos declarados municipios turísticos para a contratación de persoal nas oficinas de turismo durante o verán.
O persoal subvencionado poderá contratarse no período comprendido entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, ambas as dúas datas incluídas. Como medida de fomento do emprego, os candidatos deberán figurar como desempregados no Servizo Público de Emprego de Galicia.
Igualmente, han de estar en posesión dalgún dos seguintes títulos: técnico superior en información e comercialización turística ou técnico superior en guía, información e asistencia turística; técnico en empresas e actividades turísticas, ou grao ou diplomado/a en turismo ou equivalente homologado.
Con esta actuación, Turismo de Galicia pretende reforzar os medios cos que contan os municipios turísticos durante a época de maior afluencia de visitantes, de xeito que se potencia a imaxe no exterior, non só desas localidades, senón da provincia e mesmo da comunidade autónoma no seu conxunto.
A colaboración cos concellos, a través de programas de axudas, accións de dinamización ou convenios, é unha constante da Xunta para estimular a formación dun sector turístico competitivo, de calidade e accesible, e para promocionar Galicia como destino turístico de calidade.
Concellos e importes: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160602/AnuncioG0256-250516-0006_gl.html