A Veiga e o Barco xa teñen os seus novos esparexadores de sal
A Xunta entrega novo equipamento de emerxencias a 53 agrupacións de voluntarios de Protección Civil das catro provincias galegas.
- Trátase de 20 remolques con toldos presurizados e 33 esparexadores de sal para o acondicionamento de estradas durante a campaña invernal
- A inversión neste material superou os 270.000 euros
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, fixo entrega hoxe de máis equipamento a un total de 53 Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil das catro provincias galegas.
O equipamento que hoxe foi entregado forma parte dun ambicioso plan de mellora dos medios materiais dos que dispón a Comunidade Autónoma de Galicia que permitirá mellorar a eficacia das actuacións na prevención de riscos e nas intervencións nas emerxencias. Xa que mediante a Orde do 28 de xaneiro de 2015, para a adxudicación de equipamentos de emerxencia, en réxime de concorrencia competitiva, a concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos galegos, no marco de Programa Operativo Feder-Galicia 2007-2013, dispóñase que cun importe de máis de 4,5 millóns de euros, cofinanciado nun 80 por cento polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional Feder, dotarase ás Agrupacións dos medios materiais necesarios para ofrecer un mellor servizo beneficiando así aos máis de 10.000 voluntarios e aos cidadáns dos seus concellos.
O novo equipamento para as emerxencias das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil está composto por vehículos todo terreo tipo pick-up; vehículos furgóns para transporte e loxística; remolques para a atención ás emerxencias; embarcacións pneumáticas de salvamento e rescate; esparexadores de sal adaptados a remolques ou vehículos todoterreo; e remolques con carpa presurizadas para Posto de Mando Avanzado.
Desta volta, foron entregados 33 esparexadores de sal aos concellos de Boimorto, Brión, Cerceda, As Pontes de García Rodríguez, da provincia da Coruña; a Becerreá, Folgoso do Caurel, A Fonsagrada, A Pontenova, Quiroga, Ribas de Sil, Vilalba, da provincia de Lugo; a Avión, O Barco de Valdeorras, Calvos de Randín, Carballeda de Avia, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Entrimo, Esgos, A Gudiña, Laza, Manzaneda, Piñor, A Porqueira, Riós, Sarreaus, Toén, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, na provincia de Ourense; e a Agolada, Cerdedo, A Estrada da provincia de Pontevedra.
Os 20 remolques con carpas presurizadas foron entregados a Betanzos, Boiro, Carballo, Cedeira, Cee, Dumbría, Narón, Padrón, da provincia da Coruña; ao concello lucense de Friol; aos concellos de Baños de Molgas, Barbadás, O Carballiño, Muíños, Xinzo de Limia, da provincia de Ourense; e a os concellos de Cangas, Cuntis, O Grove, O Porriño, Valga e Vilanova de Arousa da provincia de Pontevedra
O orzamento total supera os 270.000 euros, dos cales preto de 120.000 euros corresponden aos esparexadores de sal e 152.000 euros aos remolques con carpas presurizadas. O plan de compra e distribución deste material foi resultado do consenso entre a Xunta e os representantes da Agrupacións de Protección Civil.