A sinistralidade laboral diminuíu en preto dun 2% en Galicia en xullo
A sinistralidade laboral diminuíu en preto dun 2% en Galicia en xullo.
O total dos accidentes laborais en xornada laboral rexistrados en Galicia en xullo de 2014 diminuíu un 1,99%. Neste mes rexistráronse 1.874 accidentes fronte aos 1.912 accidentes rexistrados no mesmo mes do ano anterior.
Do total dos accidentes, 1.847 foron accidentes leves, 24 graves e 3 mortais.
Agás na industria, diminuíron os accidentes en todos os sectores: na pesca nun 13,79%, na agricultura nun 5,45%, na construción nun 4,13% e nos servizos nun 1,42%. Pola contra, na industria os accidentes aumentaron nun 0,54%.
Para ter unha visión precisa da evolución da sinistralidade laboral, utilízase o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de traballadores coas continxencias profesionais cubertas.
O índice de incidencia do total dos accidentes en xornada laboral en Galicia, diminuíu un 2,63% en xullo deste ano respecto ao mesmo mes do ano anterior. Por sectores, a maior diminución foi na pesca co 10,57%, na construción nun 3,80%, na agricultura nun 3,29%, e nos servizos do 3,04%. Na industria a incidencia aumentou nun 2,37%.
A sinistralidade laboral aumentou un 2,18% nos primeiros sete meses do ano, cun total de 13.009 accidentes laborais fronte aos 12.731 no mesmo período do ano 2013.