A sede xudicial electrónica de Galicia entrará en funcionamento o 1 de outubro

  • A Xunta publicou onte no DOG a orde de creación da sede xudicial electrónica de Galicia
  • Entrará en funcionamento o vindeiro 1 de outubro e estará accesible desde o portal de xustiza
  • Permitirá aos cidadáns consultar online a situación dos seus procesos xudiciais
  • Progresivamente, incorporará novas funcionalidades como o inicio electrónico de procedementos monitorios, a presentación telemática de escritos, o acceso ao taboleiro de edictos e ás notificacións electrónicas
  • O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial

 

logo_DOGO Diario Oficial de Galicia publicou onte a orde pola que se crea e regula a sede electrónica xudicial de Galicia, que estará operativa o día 1 de outubro e permitirá aos cidadáns consultar o estado no que se atopan as demandas ou procesos xudiciais nos que sexan parte. Galicia será a primeira Comunidade en poñer en marcha a súa sede electrónica xudicial, cumprindo os requisitos que marca a Lei 18/2011 do 5 de xullo, reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de Xustiza.

É un dos fitos previstos no Plan Senda 2020, que está a desenvolver a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) en colaboración coa Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e do que se informou hoxe no Consello da Xunta.

É a primeira fase da sede xudicial electrónica galega, que irá incorporando funcionalidades progresivamente como a de iniciar online procedementos monitorios (unha fórmula xudicial para reclamar impagos, que non precisa da intervención dun avogado ou dun procurador); a presentación telemática de escritos; a validación de documentos; o acceso ao taboleiro de edictos, as notificacións electrónicas; ou o acceso seguro aos expedientes dos procesos xudiciais nos que se é parte. O obxectivo é que a sede se consolide como canle única para todas as actuacións, procedementos e servizos do ámbito xudicial

A sede xudicial, que estará accesible a través de sede.xunta.gal e desde o portal xustiza.gal, é unha das pezas clave da xustiza sen papeis, un proceso complexo e progresivo, no que a Administración autonómica vén traballando nos últimos anos e que se acadará coa implantación do Expediente Xudicial Electrónico (EXE), do que Galicia xa ten en marcha todas as pezas.

Plan Senda 2020

Esta actuación enmárcase no Plan Senda 2020 para consolidar a dixitalización da Xustiza e avanzar cara o cero papel, un proceso progresivo, que Galicia iniciou en 2009 coas medidas do I Plan Senda (renovación de equipamento e infraestruturas de telecomunicación en todas as sedes xudiciais, implantación de sistemas de información para os diferentes perfís profesionais da Administración da Xustiza) e que culminará coa implantación efectiva do Expediente Xudicial Electrónico.

O Plan Senda 2020 busca acadar unha xustiza máis próxima e transparente, máis eficiente grazas á xestión electrónica e segura e conta cun investimento previsto de 26,6 millóns de euros.

También te podría gustar...