A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, concede 29 axudas a deportistas de alto nivel cun orzamento de 133.000 euros
A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, vén de resolver a convocatoria de axudas a deportistas galegos de alto nivel na súa primeira fase ‘Axudas GaliciaRío – Excelencia Deportiva’.
Estas subvencións benefician a 29 deportistas galegos participantes en Xogos Olímpicos e Paralímpicos e con resultados en competicións internacionais oficiais do máis alto nivel. As axudas suman un importe total de 133.000 euros.
As achegas concedidas outorgaranse a deportistas galegos de 17 modalidades deportivas diferentes, tales como piragüismo, balonmán, automobilismo, motociclismo, atletismo, remo, vela, squash, natación, triatlon, taekwondo, rugby, tenis, baloncesto, ciclismo, tiro con arco e tiro olímpico.
Entre os beneficiarios destacan o catro veces campión mundial de triatlon e medalla de prata nos Xogos de Londres, Javier Gómez Noya, as dúas medallistas de ouro nos Xogos Olímpicos de Londres co equipo de vela de Match Race-Elliott 6, Támara Echegoyen e Sofía Toro, así como os varias veces medallistas paralímpicos José Enrique Porto Lareo (ciclismo) e Chano Rodríguez (natación). Estes cinco deportistas contan co importe máis alto das axudas concedidas con 9.000 euros.