A Rúa, O Barco e Viana no convenio da Rede Provincial de Espazos Culturais

  • Deputación e catorce concellos asinan o convenio da Rede Provincial de Espazos Culturais
  • A institución provincial destina en dúas anualidades 200.000 euros para desenvolver unha programación cultural coordinada cos concellos, para fomentar e difundir a música e as artes escénicas na provincia de Ourense
  • Desde a posta en funcionamento da Rede, á que están adheridos catorce concellos, participaron 23 grupos ou solistas cun total de 36 actuacións.
  • Manuel Baltar destacou a cultura como «un eixe dinamizador socio-económico dunha provincia na que a Deputación difunde a nosa riqueza tradicional e tamén a vangarda creativa»

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presidiu onte a reunión da Rede Provincial de Espazos Culturais de Ourense, integrada pola institución provincial e por catorce concellos, acto no que o presidente do goberno provincial asinou xunto cos alcaldes e representantes dos municipios da Peroxa, A Rúa, Bande, Barbadás, Cartelle, Celanova, Coles, Montederramo, O Barco de Valdeorras, San Cristobo de Cea, Verín, Viana do Bolo, Vilamarín e Xinzo de Limia o convenio de colaboración para desenvolver unha programación cultural coordinada entre Deputación e concellos, co obxectivo de fomentar e difundir a música e as artes escénicas na provincia de Ourense, unha iniciativa á que tamén se unirán proximamente os concellos de Castrelo de Miño e O Carballiño.

A institución provincial destina en dúas anualidades (2016 e 2017) un total de 200.000 euros para desenvolver a programación cultural coordinada cos concellos dentro do marco deste rede, que xa programou e celebrou ao longo deste ano 36 actuacións nas que participaron 23 grupos ou solistas.

No acto de sinatura do convenio, que tivo lugar esta mañá no Centro Cultural «Marcos Valcárcel», Manuel Baltar agradeceu aos concellos a súa participación nesta rede cultural, «porque este é tamén un xeito de facer provincia entre todos, e fala ben e alto do impulso cultural que lle damos ao noso territorio con esta iniciativa». Baltar subliñou que a cultura «é un eixe dinamizador socio-económico dunha provincia na que a Deputación difunde a nosa riqueza tradicional, con actuacións como as Xornadas de Folclore e coas iniciativas que leva a cabo o Centro de Cultura «Xaquín Lorenzo», entre outras moitas iniciativas, e tamén lle da un pulo á creatividade, da man da «Ourense ICC Week, a Semana das Industrias Creativas e Culturais de Ourense, que cada ano converte á nosa provincia no punto de encontro da vangarda creativa».

O presidente provincial destacou que o convenio hoxe asinado enmárcase no Plan de mandato «Ourense 15-19» da Deputación de Ourense. As bases do dito programa de cooperación da Deputación cos concellos para a creación e cofinanciamento da Rede Provincial de Espazos Culturais e a programación de actividades foron aprobadas no pleno da corporación provincial do mes de maio. O obxectivo é cooperar entre a Deputación e os concellos no fomento e a difusión das artes escénicas e da música na provincia, mediante a constitución dunha rede de espazos culturais (auditorios, casas de cultura e centros multiusos) da provincia de Ourense, establecendo así mesmo o seu marco regulador.

A dirección e representación da rede correspóndelle á Deputación de Ourense por medio do deputado de Cultura, Manuel Doval, e as funcións de impulso e seguimento son competencia do asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar. O acto tamén contou coa presenza de persoeiros dos ámbitos cultural e social e de artistas participantes na programación cultural.

También te podría gustar...