A Rúa entre os concellos nos que Cultura e Educación impulsa os servizos bibliotecarios con axudas para renovar as coleccións bibliográficas
A Rúa entre os concellos nos que Cultura e Educación impulsa os servizos bibliotecarios con axudas para renovar as coleccións bibliográficas.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria concedeulles axudas a 98 concellos de toda Galicia para a mellora e renovación das coleccións bibliográficas das bibliotecas e axencias de lectura da comunidade. As subvencións destinaranse á adquisición de libros, recursos electrónicos, material sonoro e audiovisual, partituras e material cartográfico co obxectivo de actualizar os fondos das bibliotecas e atender as demandas dos usuarios e usuarias.
As contías concedidas ao abeiro desta convocatoria, dotada con 160.000 euros para o período do 1 de xaneiro de 2014 ao 15 de abril de 2015, publícanse hoxe no ‘Diario Oficial de Galicia’, e van desde os 553,64 euros ata os 2.768,08 euros. Os destinatarios desta liña de subvencións, convocada en 2014 por vez primeira, son os concellos de poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes. Isto favorece que os municipios con menos recursos poidan recibir unha cantidade que realmente lles permita actualizar os seus fondos e ofrecer uns servizos de similar calidade aos dos máis poboados de Galicia, que recibiron en anos anteriores un maior volume de axudas.
Ampliación dos fondos bibliográficos
Con estas axudas, a Consellería de Cultura e Educación contribúe a facer das coleccións bibliotecarias un recurso dinámico, enriquecido anualmente coa chegada de materiais novos para satisfacer as demandas xerais dos usuarios e usuarias e para ofrecer un servizo de calidade no conxunto de centros que conforman a Rede de Bibliotecas de Galicia.
Con este mesmo fin, a Secretaría Xeral de Cultura investiu en 2014 264.440 euros na adquisición de novidades bibliográficas e solicitudes de compra dos usuarios para as coleccións das bibliotecas centrais territoriais dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.