A Rúa e Vilamartin entre os 20 concellos que participan na campaña de compostaxe promovida pola Deputación de Ourense e Sogama
Veciños de vinte concellos da provincia de Ourense participan na campaña de “Compostaxe doméstica” promovida pola Deputación de Ourense e Sogama. Logo de rematar a fase de formación dos participantes non concellos que teñen delegada na Deputación a xestión e tratamento dos residuos, véñense de completar as primeiras visitas de seguimento a un total de 298 composteiros, alcanzando o 98 % do total.
As localidades ás que se estendeu esta iniciativa son: Amoeiro, Baltar, Os Blancos, Boborás, A Bola, O Carballiño, Castrelo de Miño, A Gudiña, Lobeira, Lobios, Pobra de Trives, Ribadavia, A Rúa, Rubiá, San Cibrao dás Viñas, San Xoán de Río, Sarreaus, Trasmiras, Vilamartín de Valdeorras e Xinzo de Limia.
A campaña ten por obxecto concienciar aos veciños dos distintos municipios sobre a problemática que representa a elevada xeración de residuos, capacitándoos para fabricar o seu propio compost a escala doméstica, o que lles permite pechar in situ o ciclo de reciclaxe dos restos orgánicos, converténdoos nun abono natural con excelentes propiedades fertilizantes para o solo.
As inspeccións realizadas nos fogares constataron nunha alta porcentaxe a correcta operativa dos recipientes, nos que os usuarios veñen depositando maioritariamente materia orgánica procedente de restos de cociña e, en menor medida, restos verdes de xardín. Por cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense ao redor de 25-30 quilos de compost.
Para levar a cabo este proceso, os usuarios participaron nun plan de formación con cursos específicos e a edición de material divulgativo de apoio, sendo os mestres composteiros (as persoas encargadas de coordinar o proxecto en cada localidade), as figuras clave no éxito da iniciativa. Desta forma, bandos municipais, webs, redes sociais e folletos foron utilizados para chegar á maior porcentaxe de poboación, instándoa a colaborar activamente no sistema.
As xornadas informativas consistiron na presentación da campaña a cargo de representantes da Deputación de Ourense, visionado do vídeo sobre autocompostaxe, producido po Sogama, explicacións por parte da asistencia técnica da campaña e entrega de manuais didácticos. No vindeiro mes de marzo comezará a segunda visita aos composteiros para facer un seguimento do programa e comprobar a evolución do proxecto.
Beneficios da compostaxe
A compostaxe doméstica trae consigo importantes beneficios para a cidadanía, tanto desde o punto de vista medioambiental como económico e social, pois reciclando os residuos orgánicos en orixe, os concellos conseguen reducir a frecuencia de recollida do lixo e transporte do mesmo, minorando ao mesmo tempo as emisións de CO2. Isto permite que os entes locais entreguen menos desperdicios a Sogama e, en consecuencia, diminúan o importe da factura a abonar a esta entidade pública. Se isto se suma a unha boa recollida selectiva de base, non só pagarán menos, senón que recibirán ingresos por parte dos sistemas integrados de xestión, que variarán en función da cantidade e calidade dos materiais destinados aos centros recicladores.
Tamén cabe destacar as vantaxes de ámbito social, xa que se trata de recuperar unha práctica que forma parte da tradición do medio rural galego, onde, desde sempre, se fixo unha separación da fracción orgánica dos refugallos, ben para alimento do gando, ben para a fabricación de compost. Ademais, redúcense en boa medida os desprazamentos que os veciños deben realizar aos distintos contedores.