A Rúa e Vilamartín beneficiaranse dos 200.000 € para melloras e reformas de 9 escolas infantís da rede Galiña azul

  • A Xunta inviste preto de 200.000 euros para melloras e reformas de 9 escolas infantís da rede Galiña azul na provincia de Ourense
  • A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, xunto co alcalde de Ourense, Xesús Vázquez Abad, visitou o centro do barrio de Barrocás, onde se executarán traballos presupostados en 60.000 euros
  • Estas actuacións son posibles grazas aos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit
  • Os centros infantís do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar afrontan estes días os últimos días de curso

 

image_gallery (1)

 

A Consellería de Política Social, a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, aproveitará as vacacións de verán para levar a cabo obras de remodelación e mellora en nove escolas infantís da provincia de Ourense pertencentes á rede autonómica “Galiña Azul”, cun investimento de case 200.000 euros. Así o anunciou a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, na visita que realizou a un dos centros beneficiados por este plan de obras, a escola infantil emprazada no barrio de Barrocás, na cidade das Burgas.

Na visita estivo acompañada polo alcalde de Ourense, Xesús Vázquez Abad, e polo xefe territorial da Consellería de Política Social, José Selas.

A delegada territorial explicou que estas actuacións son posibles polos recursos económicos dos que dispón este ano a administración galega debido ao cumprimento por parte da comunidade autónoma dos obxectivos de déficit fixados para ela.

No caso da escola infantil de Barrocás, o investimento por parte do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade será de 60.000 euros, o que permitirá a remodelación total do interior do edificio. Esta Galiña Azul conta con 91 prazas e 15 traballadores.

Marisol Díaz Mouteira indicou que o Plan de Obras do Consorcio beneficia a un total de 65 escolas infantís de Galicia, que en conxunto supón un investimento de preto de 2 millóns de euros. Concretamente na provincia de Ourense, ademais dos traballos no centro de Barrocás, executaranse as obras de mellora e reforma nas escolas de Allariz, A Rúa, O Carballiño, O Pereiro de Aguiar, Ribadavia, Vilamarín, Vilamartín de Valdeorras e Xinzo de Limia.

Os centros da rede “Galiña Azul” afrontan os últimos días de curso coa celebración de xuntanzas coas familias e festas de fin de curso, ao mesmo tempo que planifican xa aspectos concretos do curso 2016-2017, que comezará oficialmente o 5 de setembro.

Ourense conta con 26 escolas infantís repartidas en 22 concellos da provincia, 5 delas concentradas no concello da capital da provincia.

Galiña Azul 2

También te podría gustar...