A Rúa e Carballeda de Valdeorras terán talleres prácticos de prevención de riscos laborais no sector primario
A Rúa e Carballeda de Valdeorras terán talleres prácticos de prevención de riscos laborais no sector primario.
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) vén de abrir o prazo de inscrición para un total de 32 talleres prácticos de prevención de riscos laborais no sector primario. En concreto, 16 estarán destinados ás explotacións vitivinícolas, e outros tantos ao sector agrogandeiro e forestal. En cada un deles poderán participar un máximo de 25 persoas.
Todas estas actividades desenvolveranse entre os meses de maio e xuño e os interesados poderán obter información na web deste organismo: http://issga.xunta.es.
As iniciativas vinculadas ás explotacións vitivinícolas centraranse en proporcionar unha formación específica aos traballadores e traballadoras do sector en materia de prevención dos riscos laborais inherentes a estas actividades, co fin de fomentar a adquisición dunha cultura preventiva e diminuír os accidentes.
Os obradoiros realizaranse en todas as provincias. Así, na provincia da Coruña celebraranse en Bergondo e Boiro; na de Lugo, en Chantada, Monforte de Lemos, e Sober; en Ourense, na Rúa, Carballeda de Valdeorras, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Leiro, Ribadavia e Verín; e, finalmente, na provincia de Pontevedra, terán lugar nos concellos de O Rosal, Ponteareas, Salvaterra do Miño e Tomiño.
Pola súa banda, os outros 16 obradoiros especializaranse en ofrecer formación en materia de primeiros auxilios e de actuación ante casos de accidente no sector agrogandeiro e forestal. Trátase de que os participantes obteñan os coñecementos e habilidades básicas necesarias para prestar, o máis eficazmente posible, os primeiros auxilios nunha situación de emerxencia.
Haberá talleres na Coruña (Betanzos, Coristanco, Curtis, Fene, Monfero, Ordes e Zas), en Lugo (Baralla, Barreiros e Castro de Rei), Ourense (Barco de Valdeorras, Carballiño e Muíños), e Pontevedra (Lalín, Soutomaior e Valga).
Nas vindeiras semanas publicaranse novas convocatorias doutras actuacións do sector primario como os talleres prácticos de formación en materia de prevención de trastornos musculoesquelésticos no sector de matadoiros e no da elaboración de conserva de atún; e de formación en materia de prevención de riscos laborais nas explotacións de gando vacún de Galicia.