‘A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia’

  • O Concello de Sober programa para hoxe unha conferencia-cata audiovisual a cargo de Xavier Castro con motivo do Mes do Amandi. Presentarase a obra “A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia».

Este libro está moi vencellado, e en certo modo complementa, o de «A la sombra ejemplar de los parrales. Cultura del vino en Galicia y otros espacios peninsulares (NigraTrea, 2006).

“A rosa do viño», título desta obra, inspírase no procedemento popular empregado para apreciar a calidade do viño, reparando nomeadamente na súa densidade, no corpo que posuía. Tíñase en mellor estima o tinto de acendrado espesor (“que críe sangue”), que era o que deixaba uns trazos vermellos que, ó descender polas paredes da cunca, formaban os pétalos dunha flor, a rosa do viño.

A presente obra constitúe un achegamento á historia cultural do viño en Galicia, e artéllase como un traballo de investigación histórica que emprega fontes primarias, en boa parte inéditas, e recorre tamén a bibliografía primordial. Pretende, deste xeito, aterse ao rigor histórico pero procura asemade relatar unha faceta relevante da experiencia colectiva dos galegos dun modo que sexa interesante á par que resulte tamén de grata lectura.

O libro incorpora dun xeito novidoso a tradición enogastronómica galega dos nosos clásicos (nomeadamente Pardo Bazán, Julio Camba, Picadillo, Cunqueiro e Castroviejo) e as achegas dos tratadistas modernos, ao que se engade a sensibilidade popular en todo o que concirne á cultura do viño, tal e como quedou reflectida en textos de moi variada índole e, como non, tamén na memoria viva. Non se relega tampouco a tradición literaria: Valle-Inclán (cuxa actitide respecto do viño se estudia de xeito particular), Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Castelao e a literatura costumista.

Detense na consideración do tradicional gusto popular e no protocolo da bebida fronte á cata experta. Constátase a realidade dun ethos étnico, patente no modo enxebre de beber os galegos, e examínanse tanto as as boas maneiras como os usos populares, analizando o tránsito da bebida comunitaria (beber por quenda empregando un mesmo recipiente) á unha concepción individualista no xeito de beber. Alúdese asemade aos recipientes (pichel, xerro, cunca, vaso e copa) e as expresións características que se adoitaban empregar nesta práctica social.

Nesta conferencia coméntaranse tamén cuestións relativas a historia de xénero, posto que as mulleres padeceron unha certa marxinación en relación co consumo do viño, e o eido das mentalidades, nomeadamente no que se refire aos cambios na apreciación das diferentes clases de viño. Ao cabo, convén apuntar a importancia do viño na vida da xente ao longo dos tempos, xa que carecer del dificultaba o goce dunha certa calidade de vida. Velaí a significación da viticultura heroica na Ribeira Sacra.

Esta obra que se presentará neste evento, “A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia», obtivo o Premio Deza de investigación e tamén o galardón: Gourmand World Cookbook Awards 2010, en la categoría Best Wine History Book.

Currículum

Xavier Castro Pérez, estudou o bacharelato no Instituto Santa Irene de Vigo. Escritor e Catedrático de E.U. de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago. Impartiu docencia na Université de Rennes e École des Hautes Ètudes en Sciences Sociaux, de París. Foi subdirector da revista Grial, comisario de exposicións, traductor e conferenciante. Dirixiu varios proxectos de investigación e foi asesor histórico de series televisivas da TVG: As leis de Celavella, A casa de 1906 e Lobos e cordeiros. É membro da comisión científica da Fundación Dieta Atlántica. Salienta a publicación da súa tese de doutoramento (a primeria persentada en galego na Facultade de Xeografía e Historia, no ano 1982) O Galeguismo na encrucillada republicana (Deputación Provincial de Ourense, 1985) (Mención de Honor do Premio Otero Pedrayo, 1983). Tamén publicou a obra: Castelao e os galeguistas do interior. Cartas e documentos 1943-1954 (Galaxia, 2000). Está considerado un relevante especialista en historia social, da alimentación, a gastronomía e o viño en Galicia, polas súas publicación: A lume manso (Galaxia), Ayunos y yantares (Nivola) (Premio Nacional de Gastronomía). A la sombra ejemplar de los parrales (NigraTrea). Historia da vida cotiá en Galicia (NigraTrea) (Premio de Investigación Ferro Couselo) A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia (Galaxia). A mesa e manteis (Biblos). (Premio Gourmand World Awards). Yantares gallegos. Historia de la dieta atlántica (USC). Tostado. El vino noble de Galicia (Acuarela) Tamén recibeu o Premio Picadillo do Fórum Gastronómico 2015 polo seu labor como investigador e divulgador da historia da alimentación en Galicia.

O doutor Fausto Galdo, xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUA Coruña, autor da relevante obra gastronómica: ‘Abecedario das mantenzas’ (EXG) sinalou que Xavier Castro é

Hoxe o maior e máis científíco publicista galego de gastronomía, referencia obrigada da historia da alimentación

También te podría gustar...