A Residencia de Tempo Libre de Benestar permite a presto de 270 familias de todo o Estado pasar as súas vacacións no Carballiño
A Residencia de Tempo Libre do Carballiño, dependente da Consellería de Traballo e Benestar, acolle durante a campaña de verán a un total de 267 familias para que gocen da oferta de vacacións familiares convocada polo departamento autonómico. En total son sete quendas repartidas en estadías de 9 a 10 días, dende o 1 de xullo ao 10 de setembro.
A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Rogelio Martínez, visitaron hoxe as instalacións nas que nesta quenda de agosto están cubertas as 150 prazas que se ofertan. Todas as persoas que están a tomar parte nesta quenda son de fóra da Comunidade autónoma.
González resaltou o servizo prestado por este tipo de aloxamento. “ A comunidade galega é unha das poucas que está a manter o servizo das residencias de Tempo Libre, malia os tempos de crise que estamos a vivir”, apunto, ao tempo que explicou que a oferta de lecer que se oferta a través da Consellería de Traballo e Benestar combina a súa estadía en pensión completa con actividades lúdicas programadas pola propia residencia con visitas turísticas e culturais a diferentes puntos da vila, da provincia e mesmo da comunidade autónoma, o que sen dúbida repercute na economía da zona.
Un total de 528 familias de todo o territorio nacional optaron este ano ao sorteo para obter praza nos meses de xullo, agosto e setembro no centro carballiñés, que xunto ao de Panxón, na provincia de Pontevedra, conforma a oferta galega en Residencias de Tempo Libre.
Das estadías nestas dúas residencias poden beneficiarse tanto as persoas maiores como os menores, sempre que vaian en compañía dos seus pais e nais ou titores legais, así como os galegos e galegas residentes no exterior. Nesta edición reservouse por primeira vez a segunda quenda do mes de xullo para as familias monoparentais. Así mesmo, e, como outros anos, a última quenda de xullo quedou reservada para as familias acolledoras, dando, deste xeito, cumprimento a unha demanda deste colectivo e se reservou a primeira quenda de agosto para as familias numerosas. Este é o caso da quenda que se está a desenvolver agora en Carballiño, onde este ano están a participar 17 familias numerosas.
A residencia do Carballiño mantén as súas portas abertas para dar o servizo durante a temporada de verán e o resto do ano prestando atención a entidades que solicitan as instalacións para desenvolver os seus programas. De media ao ano, esta residencia é ocupada por máis de 1.530 persoas.
Obras de mellora
A directora xeral de Familia tamén destacou que a Consellería de Traballo e Benestar investiu 49.000 euros na reforma dos baños da Residencia de Tempo Libre para adaptalos ás necesidades das persoas con discapacidade. “É de especial relevancia eliminar os obstáculos que impiden o normal desenvolvemento das actividades dos nosos maiores e dos usuarios con dependencia. Así, conseguiremos mellorar as condicións de habitabilidade, calidade, seguridade e comodidade dos adxudicatarios”, sinalou González.