A Radio Galega convoca a novena edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico co apoio de Cultura e Educación

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a responsable de Programas da Radio Galega, Gloria Ferreiro, presentarán en rolda de prensa a nova edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, acompañados pola xornalista Ana Romaní e o premiado na edición de 2014 César Carracedo. Na sala Eisenman da Cidade da Cultura (monte Gaiás, s/n). foto xoán crespo 23/06/15

 

A Radio Galega organiza, co apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a novena edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, unha iniciativa que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre autores e autoras e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega, promover o encontro entre a audiencia e o teatro e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a responsable de Programas da Radio Galega, Gloria Ferreiro; e a xornalista e escritora Ana Romaní, condutora do Diario Cultural, presentaron esta mañá na Cidade da Cultura as bases da nova edición do certame, que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses de outubro, novembro e decembro de 2015.

O xurado, integrado por profesionais do mundo da escena e da radio, seleccionará dos orixinais presentados as obras finalistas, que serán dramatizadas para a súa emisión por un elenco de actores e actrices. Como novidade nesta edición, as bases introducen que se fará publica a autoría das obras finalistas.

Desde a perspectiva da creación literaria, o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico “permítenos facer entrar os textos a través da escoita, universalmente; de aí tamén a importancia que ten este certame, sobre todo, porque en moi poucos medios de comunicación teñen cabida experiencias e proxectos deste tipo, centrados no estímulo da creación dramática en galego”, afirmou Anxo Lorenzo.

Segundo asegurou, “a traxectoria deste premio demostrou que existe un interese do público neste formato, xa menos frecuente nas programacións; e, desde logo, un interese dos autores de textos, seducidos por esta maneira distinta de escribir diálogos, e con resultados excelentes”. “Unha forma diferente –engadiu– de facer teatro radiofónico que contribúe a estimular a aparición de novos autores, novos textos dramáticos e, ao mesmo tempo, a rexenerar o formato radiofónico do teatro”.

Emisión das dramatizacións
As dramatizacións emitiranse nos distintos programas da Radio Galega. Entre as emitidas o xurado escollerá a obra galardoada co premio do xurado e a audiencia votará a obra que recibirá o premio do público. Cada un dos premios está dotado economicamente con 3.000 euros.

O prazo de presentación de orixinais da novena edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico rematará o 15 de setembro de 2015 e as bases pódense consultar nas webs www.crtvg.es e www.cultura.gal

Novo volume da colección do premio
Coincidindo coa apertura da nova convocatoria do certame tamén se presentou durante a rolda o libro-CD coas obras finalistas da oitava edición do premio. Na rolda de prensa participou o xornalista César Carracedo, gañador do premio do xurado en 2014 pola obra ‘Explotados’. O seu traballo viu a luz nun novo volume da colección Diario Cultural de Teatro Radiofónico xunto con ‘A primeira vez’, de Carmen Blanco, premio da audiencia; e das obras finalistas ‘Para o norte’, de Marcos Abalde Covelo, e ‘A guerra silenciosa’, de Fernando Epelde.

O libro inclúe un CD coas adaptacións radiofónicas das obras, a cargo de Cristina Domínguez, e que foron interpretadas por César Goldi, Machi Salgado, Mónica García, María Llanderas e Aarón Gómez Gallego, coa realización técnica de Chus Silva.

Traxectoria do certame
Dezaseis autores e autoras premiados e máis de 100 profesionais entre directores e directoras, actores e actrices, técnicos e profesionais da edición e da produción participaron desde o ano 2006 nesta iniciativa, que procura dar un novo pulo cun enfoque contemporáneo a un xénero cunha longa tradición na historia da radiodifusión.

David Rodríguez foi o gañador da primeira edición con ‘O Bambam’. A obra, interpretada por Luís Tosar e Luís Zahera, con dirección de Lino Braxe, recibiu tamén o premio da audiencia. Na segunda edición premiáronse as obras ‘O mal da vaca’, de Begoña García, premio do xurado, e ‘Saltimbanqui’, de Lois Pérez, premio da audiencia. Quico Cadaval dirixiu as adaptacións radiofónicas interpretadas por Manuel Lourenzo, Susana Dans, Belén Constenla, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Xan Cejudo, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ e Fernando Pedrido.

Rubén Ruibal e César Candelas, autores de ‘Peter Buckley’, gañaron os premios do xurado e da audiencia na terceira edición. Candido Pazó dirixiu a adaptación radiofónica, interpretada por Santiago Cortegoso, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, Pepo Suevos, Miguel Varela e Marcos Correa. Na cuarta edición, a obra ‘Indoor’, de Vanesa Sotelo, recibiu o premio do xurado e ‘O vento da illa’, de Begoña García, o da audiencia. Ánxeles Cuña dirixiu as adaptacións radiofónicas interpretadas por Sabela Gago, Fernando Dacosta, Elena Seijo, Nate Borrajo, Tito Asorey, Fina Calleja e Josito Porto.

Na quinta edición, o escritor Xosé Manuel Pacho Blanco gañou os premios do xurado e da audiencia coa obra ‘Paraísos’. Ana Vallés dirixiu a adaptación radiofónica interpretada por Laura Ponte, Mónica Caamaño, Margarita Fernández, Nuria Sanz, Manu Lago, Roberto Leal e Marcos Viéitez. Na sexta edición, a obra que recibiu o premio do xurado foi ‘Poema sinestésico para tres voces e un can’, de Eva F. Ferreira, e a galardoada co premio da audiencia foi ‘Intercom – baby’, de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre. Evaristo Calvo dirixiu as adaptacións radiofónicas das obras, que foron interpretadas por Víctor Mosqueira, Paula Buxán, Marcos Correa, Borja Fernández, Rocío González, Nuria Sanz, Laura Ponte, Pilar Pereira e José L. López Sacha.

Raquel Marco Mejuto e Jesús Lista recibiron os premios do xurado e da audiencia polas obras ‘Chovencartos’ e ‘O demo nunca dorme’ na sétima edición. Mariana Carballal dirixiu as adaptacións radiofónicas interpretadas por Xosé Barato, César Cambeiro, Luísa Merelas, Celso Parada, Estíbaliz Veiga, Mela Casal, Belén Constenla, Afonso Becerra, Rocío González, Xosé Valiñas e Santiago Pemán.

 

También te podría gustar...