A quinta edición do Concurso de Pulpeiras/os celebrarase no Fórum Gastronómico da Coruña
ExpoCoruña acollerá unha nova edición do concurso no que poderán participar ata oito profesionais
O Fórum Gastronómico da Coruña celebrará a quinta edición do Concurso de Pulpeiras/os que buscará, un ano máis, as mellores pulpeiras e pulpeiros de Galicia. O concurso está aberto a profesionais galegos especializados na cocción e no servizo do polbo e a aqueles que desenvolvan a súa actividade en Galicia. O concurso terá lugar o 15 de marzo, no auditorio do recinto de ExpoCoruña durante a primeira xornada de Fórum Gastronómico Coruña 2015.
A organización fixou un máximo de oito participantes e a súa aceptación será por estrita orde de inscrición, que ha formalizarse antes do día 26 de febreiro de 2015. Os participantes do concurso deberán preparar o polbo ao mesmo tempo, nun acto aberto ao público.
O xurado estará integrado por prestixiosos cociñeiros, gastrónomos e persoas do mundo da cultura de Galicia en xeral e da Coruña en particular e será o encargado de puntuar criterios como o sabor do polbo, a textura e o punto de cocción, o aliño e o corte e a presentación. A pulpeira, ou o pulpeiro, coa mellor puntuación obterá o primeiro premio, dotado con 1.000 euros. O segundo e terceiro premio están dotados con 400 e 200, respectivamente. A entrega de galardóns terá lugar no acto no que o xurado faga público o seu veredicto, no mesmo escenario do Auditorio.
Na cuarta edición do concurso, no 2014, María Isaura González (O Carballiño) foi a gañadora. No 2012 impúxose Palmira Acuña, do restaurante Casa Acuña da Illa de Ons. Aurora Baranda (O Carballiño) e Carmen Eyo (A Estrada) fórono en 2008 e 2010, respectivamente.
O Fórum Gastronómico celebrarase do 15 ao 17 de marzo en ExpoCoruña e contará con grandes profesionais no seu programa oficial. O Fórum tamén se vivirá intensamente na cidade da Coruña a través do Fórum Cidade con numerosas actividades que proximamente daranse a coñecer.