A provincia de Ourense contará con 12 sedes permanentes dos GES

  • O novo convenio dos GES impulsado por Deputación e Xunta converte a Ourense na primeira provincia galega que completa o seu mapa provincial de emerxencias
  • O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares, asinaron en Muíños un novo convenio para o desenvolvemento dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais
  • Manuel Baltar destacou o paso adiante que supón este acordo para os veciños de toda a provincia: “Ningunha localidade ourensá está a máis de trinta minutos dun GES, que terán máis efectivos e melloran as súas condicións orzamentarias na procura dunha maior seguridade da veciñanza”
  • O servizo terá un orzamento anual de 3,8 millóns de euros, coa Deputación asumindo tamén a achega dos concellos dentro da súa aposta pola cooperación institucional. O acordo reforza a profesionalización da estrutura dos GES, con 12 sedes permanentes e 16 novos traballadores

 

A provincia de Ourense contará con 12 sedes permanentes dos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES) que darán cobertura de 12 zonas de actuación, o que supón pechar o mapa provincial de emerxencias, rematando así coas zonas de sombra, reducindo os tempos de resposta, aumentando en 16 o número de profesionais e optimizando a atención de ata o 97 % da poboación no rural. Estas son, en síntese, as melloras que introduce o novo convenio para o desenvolvemento dos GES na provincia de Ourense, documento asinado onte na sede da agrupación situada no Concello de Muíños polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, o vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o vicepresidente da Fegamp, Alfonso Villares. Un acto no que tamén estiveron presentes os alcaldes dos concellos nos que se atopan os GES, con Plácido Álvarez como anfitrión, o director de Emerxencias da Xunta, Santiago Villanueva, e o delegado territorial do Goberno galego, Gabriel Alén.

Trala sinatura do convenio, Manuel Baltar afirmou que

este é un día de plena satisfacción porque pechamos o mapa provincial de emerxencias en Ourense, a primeira provincia galega en facelo despois de que en 2017 iniciásemos os traballos para dar a mellor cobertura á provincia.

Con este acordo, engadiu, “ningunha localidade da provincia está a máis de trinta minutos dun GES, que terán máis efectivos e melloran as súas condicións orzamentarias na procura dunha maior seguridade da veciñanza”. En conxunto, engadiu, “onte contamos con 17 grupos de emerxencias, os 11 GES, o servizo supramunicipal de Terras de Celanova, o parque de bombeiros que xestiona directamente a Deputación con base no polígono de San Cibrao, e catro parques comarcais”.

Ao mesmo tempo, dixo o presidente provincial, “estamos diante dun cambio de paradigma na xestión das emerxencias, porque tamén a Deputación vai máis aló ao facerse cargo das achegas que tiñan que facer os concellos para o financiamento destes grupos, fortalecendo así a colaboración coas entidades locais”. Un traballo que definiu como “unha foto fixa da cooperación institucional pola que apostamos sempre”, agradecendo tamén a implicación da Xunta de Galicia. Con este paso, a Deputación de Ourense convértese tamén na única administración provincial galega que se suma á proposta do Goberno autonómico para incrementar o número de efectivos e mellorar a cobertura dos servizos de emerxencias da comunidade.

“Temos tres anos por diante para seguir mellorando un sistema de emerxencias que non vai desaparecer e que con este convenio gana en estabilidade”, dixo pola súa banda Alfonso Rueda, que destacou “o importante esforzo” que implica o investimento de case 4 millóns de euros para o financiamento dos GES, con 40.000 euros máis para o incremento do número de efectivos (16). “Achegámonos á cobertura óptima dun servizo básico como son as emerxencias, cun nivel moi razoable en Ourense, grupos profesionais, capacitados e con bos medios”, destacou Alfonso Rueda, que agradeceu “moitísimo á Deputación de Ourense que aceptara o plantexamento feito desde a Xunta de Galicia para darlle unha nova vixencia ao convenio dos GES e valía a pena facer este esforzo económico”.

Alfonso Villares, vicepresidente da Fegamp, destacou tamén que só fose a provincia de Ourense a única en asinar este novo convenio,

o que hai que facer valer porque con independencia da cor política, a nosa responsabilidade como representantes públicos e servir a toda a veciñanza, e a prevención e a atención ás emerxencias é un labor fundamental que debe facerse con profesionalidade, como a dos GES.

 

Estrutura profesionalizada

En liñas xerais, o convenio asinado onte para o período 2022-2024 establece que a provincia de Ourense terá 12 sedes permanentes para a cobertura de 12 zonas de actuación a través de 11 GES (O Barco de Valdeorras; Castro Caldelas e Trives; Pereiro de Aguiar; Lobios; Muíños; A Gudiña; Laza; Ribadavia; Avión; Maceda; e A Veiga) e o servizo supramunicipal de Terras de Celanova.

Cada un dos GES terá 12 membros, nunha estrutura profesionalizada que facilitará a cobertura permanente do servizo. Neste sentido, os grupos beneficiados polo incremento de persoal son Avión, que gaña 3 profesionais; Ribadavia (2); Laza (6); Muíños (3); e Lobios (2). Cómpre tamén engadir a mellora nas condicións salariais dos traballadores destes servizos e do financiamento do servizo supramunicipal de Terras de Celanova, que consolidan ademais un servizo de emerxencias profesional, dotado de persoal axeitadamente formado e cualificado.

O custo anual do servizo será de preto de 3,8 millóns de euros, dos que máis de 313.000 euros corresponden a cada un dos GES e 320.000 ao servizo de Terras de Celanova. Segundo o convenio, a Xunta de Galicia achegará o 52,5 %, a Deputación de Ourense do 40 % e os concellos do 7,5 %. Así, a contribución da Deputación de Ourense será de máis de 1,5 millóns de euros anuais, cantidade á que haberá que sumar a achega das entidades locais (288.000 euros) pois a institución provincial asume a parte que achegan os concellos para o financiamento dos GES.

También te podría gustar...