A primeira longametraxe documental sobre a gastronomía galega estrenarase no Festival Internacional de San Sebastián
O Centro Superior de Hostalería de Galicia acolleu onte á mañá a presentación da primeira longametraxe documental sobre a gastronomía galega, Cocinando en el fin del mundo, unha película producida por Esmerarte coa colaboración de Turismo de Galicia e AGADIC.
A longametraxe, dirixida por Alberto Baamonde, xa obtivo o seu primeiro recoñecemento ao ser seleccionada para estrearse no prestixioso festival internacional de cine da cidade de San Sebastián, dentro da sección Culinary Zinema.
A presentación desta mañá contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o director de Esmerarte e produtor da película, Joaquín Martínez; o director da longametraxe, Alberto Baamonde; o director da Finca de los Cuervos, Santiago Pérez, como representante dos novos produtores gastronómicos galegos; o presidente do Grupo Nove, Miguel Ángel Campos, así como diversos cociñeiros da asociación protagonistas no film.
Durante o acto, a directora de Turismo de Galicia destacou que é fundamental potenciar novas iniciativas que divulguen a nosa gran potencialidade gastronómica e que nos sitúen á vangarda da oferta culinaria.
Nava Castro explicou que esta longametraxe permite descubrir o lado máis auténtico e elegante da gastronomía galega actual. “Unha película que non se detén na cara máis coñecida, tradicional e turística da gastronomía de Galicia senón que céntrase nos elementos emerxentes e xeralmente ocultos que axudan a explicar o momento actual dunha cociña de futuro que afunde a súas raíces na tradición”, sinalou.
A responsable de Turismo da Xunta resaltou que as paisaxes de Galicia en combinación con algún dos produtos máis exquisitos e singulares da tradición culinaria galega, xunto con referencias aos seus produtores, comercializadores e cociñeiros, son a carta de presentación desta película documental.
Nava Castro asegurou que Cocinando en el fin del mundo constitúe unha homenaxe á cociña galega, caracterizada pola súa perfecta mestura de tradición e vangarda, e aos profesionais, que día a día están a revolucionar a gastronomía da nosa comunidade.
“O feito de contar cunha longametraxe que aporte unha visión renovada da cociña da nosa terra, protagonizada por emprendedores e profesionais feitos a si mesmos é unha gran oportunidade para difundir este valor esencial da nosa oferta turística e da nosa identidade como pobo”, concluíu.
Centro Superior de Hostelería de Galicia
O Centro Superior de Hostalería de Galicia non foi o escenario da rolda de prensa por casualidade, senón que é un dos escenarios da película Cocinando en el fin del mundo.
Nun dos capítulos, dedicados á importancia da formación na nova cocina galega, os alumnos do CSHG acoden a unha clase maxistral impartida por Yayo Daporta e Álvaro Villasante, membros do Grupo Nove.
O Grupo Nove en vivo no festival de San Sebastián
O estreo de Cocinando en el fin del mundo na 63 edición do Festival Internacional de San Sebastián incluirá a celebración dunha cea temática a cargo dos cociñeiros do Grupo Nove.
Así, ao fío do estreo, a cea do xoves 24 de setembro no Basque Culinary Center estará dedicada á nova cociña galega, nunha experiencia exclusiva, oficiada polo Grupo Nove e deseñada en torno ao documental.