A primeira administración pública de España en aprobar os orzamentos de 2017 é a Deputación de Ourense

  • A Deputación de Ourense, primeira administración pública de España en aprobar os orzamentos de 2017
  • Ascenden a 77 millóns de euros e abranguen o que establece a Carta de Servizos da institución, tanto para concellos como para cidadáns
  • O Plan de Cooperación cos concellos eleva a súa contía segundo o establecido no plan de mandato «Ourense 15-19»
  • O pleno adoptou tamén acordos en materia de infraestruturas, plans de cooperación e apoio aos concellos, procedementos de contratación e ámbito forestal

 

Imaxe da sesión plenaria da Deputación de Ourense 30/09/2016

Imaxe da sesión plenaria da Deputación de Ourense 30/09/2016

 

O pleno da Corporación Provincial correspondente ao mes de setembro de 2016 aprobou onte o orzamento xeral da institución para o exercicio 2017, sendo a Deputación de Ourense a primeira administración pública de España en aprobar os presupostos do vindeiro ano, que ascenden a 77 millóns de euros e abranguen o que establece a Carta de Servizos da institución, tanto para concellos como para cidadáns.

O pleno tamén aprobou as bases para a elaboración e execución do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial para o exercicio 2017, que eleva a súa contía segundo o establecido no Plan de Mandato «Ourense 15-19».

En materia de infraestruturas, o pleno aprobou solicitar ao Goberno de España a construción na Gudiña dunha estación do AVE e un centro de conservación e mantemento do tren de alta velocidade. Así mesmo, aprobouse que a Deputación de Ourense solicite que a Estrutura Organizativa de Xestión Integral (EOXI) de Ourense, Barco de Valdeorras e Verín dispoña, coa posta en funcionamento do Hospital 20-50, dun sistema integrado de televisión dixital, baseado en pantallas táctiles sobre brazo articulado, situadas xunto á cabeceira da cama do paciente, o que lle permitirá ter acceso á televisión á carta, radio e Internet, a cada paciente sen ter que consensuar a elección de canles nin molestar a outros pacientes da mesma habitación.

Asemade, o pleno aprobou manter os criterios obxectivos que presiden os plans de cooperación cos concellos da provincia: Plan de Obras, Plan Benourense, Plan de Empregabilidade, Plan de Axudas á Mocidade, Plan de Desbroces, Plan de Adquisición de Desfibriladores e outros que se aproben; e aprobou tamén, no ámbito de procedementos de contratación, cumprir a lexislación vixente en materia de contratación sen auto-limitacións con respecto aos procedementos de contratación, e continuar co traballo desenvolvido que permite á Deputación de Ourense liderar, coa máxima puntuación, a Área de Transparencia nas contratacións de servizos segundo o ránking dos gobernos provinciais de España elaborado por Transparencia Internacional.

No ámbito do sector forestal, o pleno da Deputación de Ourense aprobou instar á Xunta de Galicia a continuar desenvolvendo actuacións de control dos riscos hidrolóxicos erosivos asociados aos incendios forestais deste verán, así como liñas de axuda para paliar os danos causados por estes, e para fomentar os investimentos no sector forestal.

Imaxe da sesión plenaria da Deputación de Ourense 30/09/2016

Imaxe da sesión plenaria da Deputación de Ourense 30/09/2016

 

A totalidade dos acordos do pleno ordinario da Deputación de Ourense celebrado hoxe foron os seguintes:

CONTA XERAL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE, DO INORDE E DOS CONSORCIOS ADSCRITOS Á DEPUTACIÓN, CORRESPONDENTE AO 2015

Acordo:

Emitir informe favorable á conta xeral do exercicio 2015, conforme co establecido no artigo 212.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

Que a Conta xeral co presente informe sexa exposta ao público por prazo de quince días, durante os cales e oito máis, segundo o previsto no artigo 212.3 da LRFL, os interesados poderán presentar reclamacións, reparos ou observacións. En caso de que non se formulen, someterase ao Pleno da Corporación sen necesidade de novo informe.

RELACIÓN DE POSTOS DE TRABALLO DA DEPUTACIÓN PARA O 2017

Acordo:

1º.- Aprobar inicialmente a Relación de Postos de Traballo 2017 do persoal da Deputación Provincial de Ourense, segundo o proxecto formulado pola Presidencia en data 29 de setembro de 2016, que incorpora ao proxecto do 1 de setembro as modificacións introducidas polas emendas da Presidencia do 28 e 29 de setembro de 2016.

2º.- Someter a información pública, durante o prazo de 20 días hábiles, o documento inicialmente aprobado, mediante anuncio no BOP, para a formulación de alegacións ou reclamacións. Se transcorrido o prazo de información pública non se formulan alegacións ou reclamacións, entenderase automaticamente aprobada de forma definitiva. Se se formulan alegacións ou reclamacións estar serán resoltas polo Pleno.

ORZAMENTO XERAL DA DEPUTACIÓN DE OURENSE PARA O 2017

Acordo:

1º.- Aproba-lo orzamento xeral da Deputación provincial de Ourense para o ano 2017, co detalle que figura nos resumos seguintes:

ENTIDADE LOCAL.-

Estado de gastos

Capítulo 1.- Gastos de persoal 29.049.608,30 €

Capítulo 2.- Gastos correntes en bens e servizos 19.536.950,64 €

Capítulo 3.- Gastos financeiros 127.382,60 €

Capítulo 4.- Transferencias correntes

Capítulo 5.- Fondo de continxencia 9.733.518,95 €

10.000,00 €

Capítulo 6.- Investimentos reais 14.515.232,80 €

Capítulo 7.- Transferencias de capital 1.530.500,00 €

Capítulo 8.- Activos financeiros 300.000,00 €

Capítulo 9.- Pasivos financeiros 2.196.806,71 €

TOTAL GASTOS…… 77.000.000,00 €

Estado de ingresos

Capítulo 1.- Impostos directos 4.300.000,00 €

Capítulo 2.- Impostos indirectos 3.900.000,00 €

Capítulo 3.- Taxas, prezos públicos e outros ingresos 4.871.608,75 €

Capítulo 4.- Transferencias correntes 63.254.128,50 €

Capítulo 5.- Ingresos patrimoniais 223.262,75 €

Capítulo 6.- Alleamento de investimentos reais 21.000,00 €

Capítulo 7.- Transferencias de capital 130.000,00 €

Capítulo 8.- Activos financeiros 300.000,00 €

TOTAL INGRESOS… 77.000.000,00 €

B) INORDE.-

Estado de gastos

Capítulo 1.- Gastos de persoal 899.306,10 €

Capítulo 2.- Gastos correntes en bens e servizos 524.505,90 €

Capítulo 4.- Transferencias correntes 300.000,00 €

Capítulo 6.- Investimentos reais 45.188,00 €

TOTAL GASTOS…….. 1.769.000,00 €

Estado de ingresos

Capítulo 3.- Taxas, prezos públicos e outros ingresos 12.127,00 €

Capítulo 4.- Transferencias correntes 1.730.920,00 €

Capítulo 5.- Ingresos patrimoniais 12.800,00 €

Capítulo7.- Transferencias de capital 13.153,00 €

TOTAL INGRESOS….. 1.769.000,00 €

2º.- Aprobar as Bases de Execución do Orzamento Xeral, segundo figuran no expediente.

3º.- Aprobar os cadros de persoal, que se dividen en persoal funcionario, laboral e eventual, de acordo co art.126 do Texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado por Real Decreto lexislativo 781/1986.

4º.- De acordo co art. 169 da LRFL, o orzamento xeral será exposto ó público, previo anuncio no boletín oficial da provincia, por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalos e presentar reclamacións ante o Pleno. O orzamento considerarase definitivamente aprobado se durante o citado prazo non se presentasen reclamacións.

MODIFICACIÓN DO EXPEDIENTE N.º 4/2016 DE MOFIDICACIÓN DE CRÉDITOS PARA O EXERCICIO 2016

Acordo:

No expediente de modificación de créditos nº 4/2016 e con cargo á aplicación orzamentaria 450.12/762.01 «A Concellos. Cooperación Provincial», prevíase unha subvención ao Concello de Oímbra para «Anteproxecto de ampliación e mellora das dependencias da casa do concello» por importe de 20.500,00 euros. Advertido un erro en dita finalidade acórdase a corrección do mesmo quedando da seguinte maneira:

– 450.12/762.01 A Concellos. Cooperación Provincial

Beneficiario Finalidade Importe

Concello de Oímbra Execución do proxecto de ampliación e mellora das dependencias da casa do Concello 20.500,00

No expediente de modificación de créditos nº 4/2016 e con cargo á aplicación orzamentaria 450.12/762.01 «A Concellos. Cooperación Provincial», prevíase unha subvención ao Concello de Esgos para «Adquisición de terreos para o velorio municipal» por importe de 50.000,00 euros. Recibido un escrito por parte do Concello solicitando a modificación da finalidade da subvención concedida, acórdase que a mesma se desglose da seguinte maneira:

– 450.12/762.01 A Concellos. Cooperación Provincial

Beneficiario Finalidade Importe

Concello de Esgos – Adquisición de terreos para o velorio municipal 40.000,00 €

– Redacción do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións para o cambio de uso dos terreos 10.000,00

MODIFICACIÓN DO PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E REDE VIARIA PROVINCIAL DO EXERCICIO 2015, RELATIVA ÁS OBRAS MUNICIPAIS DE LEIRO

Acordo:

Acordar a modificación do Plan provincial de cooperación ás obras e servizos municipais e da rede viaria provincial do exercicio 2015, incorporando ó plan –en substitución da obra «Reconstrución pasarela peonil en Leiro»- a obra denominada «Mellora enerxética en Leiro», cun orzamento de 50.000,00 euros, co número 44/POS/2015.

PLAN PROVINCIAL DE COOPERACIÓN ÁS OBRAS E SERVIZOS MUNICIPAIS E DA REDE VIARIA PROVINCIAL PARA O EXERCICIO 2017

Acordo:

I.- Aprobar as bases para a elaboración e execución do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2017, co seguinte teor literal:

Constitúe o obxecto das presentes bases a regulación dos procedementos de elaboración e execución do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais e da Rede Viaria Provincial para o exercicio 2017.

O Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos Municipais para o exercicio 2017 comprenderá as seguintes clases de investimentos:

– Investimentos en obras de mellora e conservación da rede viaria provincial, de titularidade da Deputación Provincial.

– Investimentos en obras de competencia municipal, preferentemente as necesarias para a efectiva prestación dos servizos municipais obrigatorios enumerados no artigo 26 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, modificada por Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da administración local.

O Plan Provincial 2017, tanto no apartado da rede viaria provincial coma no relativo ás obras municipais (neste caso ata o importe máximo establecido para cada termo municipal nestas bases) financiarase na súa integridade pola Deputación Provincial de Ourense, resultando en consecuencia o seguinte cadro básico de financiamento:

Obras municipais:

Deputación Provincial: 100,00 %

Obras da Rede Viaria Provincial:

Deputación Provincial: 100 %

Non obstante, no caso das obras municipais, os concellos voluntariamente poderán efectuar achegas adicionais para o financiamento das obras, alterándose automaticamente o cadro de financiamento neses supostos. Doutra banda, incluiranse igualmente no Plan Provincial, todas aquelas obras para as que os concellos soliciten a súa inclusión, dotadas de financiamento exclusivamente municipal ou procedente doutras administracións públicas, para os efectos de obter a declaración de utilidade pública de cara a posibilitar a obtención de terreos mediante expropiación forzosa.

A distribución do investimento prevista no Plan Provincial 2017 é a seguinte:

Investimento total previsto na Rede Viaria Provincial: 2.000.000,00 €

Achega da Deputación á RVP (100%): 2.000.000,00 €

Investimento total previsto en obras municipais: 5.363.500,00 €, dos cales 5.087.500 € destinados á execución material das obras e 276.000,00 € destinados a servizos complementarios á execución das obras.

Subvención Deputación obras municipais (100,00 %): 5.363.500,00 €

A distribución territorial por concellos do investimento en obras municipais efectuarase mediante a asignación a cada concello da provincia dunha cota alícuota de investimento subvencionado, resultando un investimento por termo municipal de 58.000,00 €; da dita cantidade, 55.000,00 € destinaranse ó financiamento dos contratos de execución material das obras e 3.000,00 € ó financiamento dos contratos de servizos complementarios á execución das obras (con especial consideración das asistencias técnicas para a redacción de proxectos, a dirección facultativa e a coordinación de seguridade e saúde das actuacións).

O investimento con cargo a fondos provinciais asignado a cada concello poderá dedicarse a unha ou varias obras, a elección dos concellos, podendo supoñer o seu financiamento íntegro ou parcial, sempre e cando as obras correspondan a competencias municipais.

Sen prexuízo do anterior, e tal e como se sinala no apartado 3, poderán incluírse investimentos de contía superior á achega provincial, correspondentes á mesma obra ou obras subvencionadas ou a outras obras, sempre e cando o concello achegue o financiamento complementario preciso.

II.- Someter as presentes bases a información pública, mediante anuncio no BOP, por prazo de 10 días hábiles, co fin de que as entidades locais interesadas poidan formular as alegacións ou reclamacións que consideren oportunas. En caso de non presentarse alegacións ou reclamacións, as bases entenderanse aprobadas definitivamente. No caso de que se presente algunha reclamación ou alegación serán obxecto de resolución polo Pleno.

PROGRAMA DE COOPERACIÓN PARA O COFINANCIAMENTO DA ADQUISICIÓN DE DESFIBRILADORES COS CONCELLOS DE MENOS DE 20.000 HABITANTES

Acordo:

Aprobar as Bases do Programa de Cooperación para o co-financiamento cos concellos de menos de 20.000 habitantes da adquisición de desfibriladores.

Publicar as presentes bases no BOP consonte ao sinalado na base 5ª.

PROCEDEMENTOS DE CONTRATACIÓN

Acordo:

1. Cumprir a lexislación vixente en materia de contratación sen auto-limitacións con respecto aos procedementos de contratación.

2. Continuar co traballo desenvolvido que permite á Deputación de Ourense liderar, coa máxima puntuación, a Área de Transparencia nas contratacións de servizos segundo o ránking dos gobernos provinciais de España elaborado por Transparencia Internacional.

APLICACIÓN DE CRITERIOS OBXECTIVOS NOS PLANS DE OBRAS E SERVIZOS E ACTUACIÓNS DE COOPERACIÓN COS CONCELLOS DA PROVINCIA

Acordo:

Manter os criterios obxectivos que presiden os plans de cooperación cos concellos da provincia: Plan de Obras, Plan Benourense, Plan de Empregabilidade, Plan de Axudas á Mocidade, Plan de Desbroces, Plan de Adquisición de Desfibriladores e outros que se aproben.

SOLICITAR DO GOBERNO DE ESPAÑA A CONSTRUCIÓN NA GUDIÑA DA ESTACIÓN DO AVE E MANTEMENTO DUN CENTRO DE ALTA VELOCIDADE

Acordo:

1. Instar ao Goberno de España a que constrúa na Gudiña unha estación do AVE e un Centro de Conservación e mantemento do tren de alta velocidade.

2. Dar traslado deste acordo ao presidente do Goberno de España, ao ministro de Fomento, ao presidente da Xunta de Galicia e ao alcalde do Concello da Gudiña.

GRATUIDADE E MELLORA XERAL DO SERVIZO DE TV NO COMPLEXO HOSPITALARIO UNIVERSITARIO DE OURENSE E NO HOSPITAL COMARCAL DO BARCO

Acordo:

Que a Deputación de Ourense solicite que a EXTRUCTURA ORGANIZATIVA DE XESTIÓN INTEGRAL (EOXI) de Ourense, Barco de Valdeorras e Verín dispoña, coa posta en funcionamento do Hospital 20-50, dun sistema integrado de televisión dixital, baseado en pantallas táctiles sobre brazo articulado, ubicadas xunto a cabeceira da cama do paciente, o que lle permitirá ter acceso a televisión á carta, radio, canais temáticos e internet a cada paciente sen ter que consensuar a elección de canais nin molestar a outros pacientes da mesma habitación.

PLAN INTEGRAL DE DESENVOLVEMENTO DO SECTOR FORESTAL NA PROVINCIA DE OURENSE

Acordo:

Instar á Xunta de Galicia a continuar desenvolvendo actuacións de control dos riscos hidrolóxicos erosivos asociados aos incendios forestais deste verán, así como liñas de axuda para paliar os danos causados por estes, e para fomentar os investimentos no sector forestal.

También te podría gustar...