A porcentaxe de fogares conectados a 100 megas nos núcleos do Plan de Banda Larga da Xunta cuadriplica a media estatal
Máis de 38.000 fogares e empresas dos núcleos obxectivo das redes de nova xeración do Plan de Banda Larga teñen contratadas conexións de 100Mbps. Isto supón o 10,4% dos fogares destas zonas, catro veces máis que a media estatal que non chega ao 2,6%.
Esta cifra sitúa a Galicia como unha das primeiras Comunidades no grao de cumprimento dun dos obxectivos da Axenda Dixital Europea: a metade dos fogares europeos conectados a redes de 100Mbps no ano 2020.
Acadar estes niveis de fogares conectados foi posible grazas as actuacións do Plan de Banda Larga da Xunta, desenvolvidas en colaboración co operador R que conseguiron que máis de 1.400.000 galegos teñan acceso a redes de fibra óptica de ata 200Mbps.
Ademais, as redes despregadas, a maiores de mellorar a calidade coa que a cidadanía se conecta á Internet en 101 concellos galegos, permitirán desenvolver modelos de negocio máis eficaces e eficientes, novas formas de producir e comercializar produtos e servizos e diferentes xeitos de comunicación entre cidadanía, empresas e administracións.
Galicia foi unhas das primeiras comunidades da Unión Europea que subvencionou a implantación de redes de nova xeración, conseguindo que estas fosen despregadas en preto de 200 núcleos de máis de 500 habitantes, fóra das grandes cidades. Esta actuación, mobilizou un investimento conxunto da Administración e o operador galego de máis de 130 millóns de euros na Comunidade.
Plan de Banda Larga da Xunta
A extensión de redes de 100 megas foi unha das liñas do Plan de Banda Larga da Xunta que cumpriu co obxectivo principal de facilitar o acceso á internet a todos os galegos. O Plan posibilitou que todos os galegos dispoñan de acceso a banda larga de calidade, cun mínimo de 2Mbps e conseguiu reducir a fenda dixital existente entre as provincias do interior e as do eixo atlántico, que pasou dun 20% ao 1% en catro anos.
Actualmente a Administración autonómica está a deseñar a nova estratexia para que Galicia poida cumprir os obxectivos que marca a Axenda Dixital de Europa para o 2020: todos os europeos con acceso a redes de 30Mbps e a metade dos fogares conectados a redes de 100Mbps.