A Policía Autonómica realizou case un cento de inspeccións esta ponte festiva
- En 10 Concellos da Provincia de Ourense nos controis de medidas ante a COVID-19
- Leváronse a cabo 54 dispositivos, que se enmarcan no plan de actuacións específicas destinadas a evitar a propagación da covid-19, no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias
Axentes da Policía Autonómica levaron a cabo durante esta fin de semana, dende o venres día 4 ata o martes día 8 de decembro, 54 dispositivos na provincia de Ourense no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19. Ao abeiro destes controis, os axentes realizaron 92 inspeccións en 10 concellos da provincia na pasada fin de semana, con 201 identificacións e a tramitación de 4 denuncias.
En base a este Plan, a Policía Autonómica destinou efectivos entre o 4 ao 8 de decembro a controlar que se están a cumprir as medidas vixentes para frear a expansión do virus. Leváronse a cabo 54 dispositivos nos municipios de Baños de Molgas, Castro Caldelas, Coles, Maceda, Maside, Ourense, Toén, Verín, Vilar de Santos e Xinzo de Limia.
No conxunto da comunidade galega, os axentes actuaron nun total de 52 concellos, nos que que se rexistraron 213 operativos cun total de 582 inspeccións, con máis de 665 persoas identificadas e 101 denuncias tramitadas.
Estes dispositivos enmarcase no seo da colaboración entre as forzas e corpos de seguridade, cada unha no marco das súas competencias.
Durante os operativos, os axentes controlaron que nos establecementos abertos ao público, terrazas e espectáculos públicos se estaban a cumprir as medidas aprobadas polas autoridades sanitarias para facer fronte á covid-19, como o uso obrigatorio de máscara, o cumprimento da distancia de seguridade, así como o aforo e o horario de peche dos locais e a prevención do botellón.