A Policía Autonómica imputa aos presuntos autores de dous incendios forestais en Avión e Cortegada
Axentes da Policía Autonómica de Ourense veñen de informar da imputación esta semana de dous homes como presuntos autores de dous incendios forestais en Avión e Cortegada, Ourense.
As imputacións leváronse a cabo grazas á colaboración existente entre os axentes autonómicos e as Brigadas de Investigación sobre Incendios Forestais (BIIF), cuxo persoal depende da Consellería do Medio Rural e do Mar.
O primeiro dos incendios, foi causado por unha máquina desbrozadora e afectou a unha superficie de 13.000 metros cadrados de monte arborado e 1.000 metros cadrados de monte raso no concello de Cortegada. As dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribadavia.
Lume en Avión
O segundo dos incendios, polo que foi imputado un home, tivo lugar na parroquia de Barroso, Concello de Avión, o pasado 6 de xullo e afectou a unha superficie de 8.700 metros cadrados de monte raso. As dilixencias tamén foron remitidas ao Xulgado de Instrución de Garda de Ribadavia.
No que levamos de ano, a Policía Autonómica leva imputadas xa a 29 persoas por delitos relacionados cos incendios forestais.