A partir de mañá poderase exercer o dereito á libre elección de persoal de enfermería en atención primaria
Dende mañá, día 20, os galegos poderán exercer o seu dereito á libre elección de persoal de enfermería e matrona en atención primaria no ámbito do Servizo Galego de Saúde. Ao respecto, o Sergas vén de enviar aos seus centros sanitarios e unidades de atención primaria a instrución que establece o protocolo de actuación para facer efectivo este dereito.
A Consellería de Sanidade avanza así no desenvolvemento da Lei 12/2013, de 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias. Esta norma establece, entre outros, o dereito dos usuarios á libre elección de persoal de enfermería do Sergas como unha opción individual que se sustenta nos principios de liberdade do paciente, equidade no acceso ás prestacións sanitarias e participación da cidadanía, así como na eficacia e transparencia do sistema sanitario.
O Decreto 55/2015 de 26 de marzo, que desenvolve determinados apartados da Lei 12/2013 e que entra agora en vigor, regula o procedemento de elección de persoal de enfermería en atención primaria, establecendo un procedemento garantista para as persoas usuarias que, ao mesmo tempo, lles proporciona información sobre os principais aspectos que poden incidir na forma en que ten lugar a atención sanitaria.
Nun sistema público de saúde como o galego, onde a planificación e ordenación dos recursos é inherente ao mesmo, a introdución de dereitos de elección dos usuarios como os previstos no decreto supón un reto organizativo importante. Porén, o desenvolvemento dos servizos de atención primaria na nosa comunidade, así como os sistemas de información sanitaria, permiten facer efectivo este dereito. Isto contribuirá á mellora do sistema público de saúde de Galicia ao fomentar unha relación máis personalizada entre usuarios e profesionais sanitarios.
A libre elección de persoal de enfermería de atención primaria queda supeditada a ser na mesma unidade de atención primaria na que o usuario teña elixido o seu médico de familia ou pediatra, a fin de facilitar o seguimento conxunto do paciente por ambos profesionais, así como a planificación e programación das actividades a realizar polo persoal de enfermería.
Pola súa banda, a libre elección de matrona é preciso facela entre as das unidades de matrona que correspondan á unidade de atención primaria na que se elixa o persoal facultativo.