A oferta turística galega, por sexto ano consecutivo, na feira JATA en Japón
- Turismo de Galicia presenta a oferta turística galega en Xapón a través da feira JATA
- Por sexto ano consecutivo, o destino Galicia ten presenza neste certame que se celebra na capital xaponesa
- A cifra de pernoitas dos viaxeiros xaponeses que se achegaron a Galicia nos sete primeiros meses do ano medrou un 10,6%
A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, encabeza a representación galega que participa na feira JATA Travel Showcase 2016, que se celebra na capital de Xapón e na que a Comunidade galega conta cun espazo para promover a oferta turística galega entre os milleiros de persoas que visitarán este certame.
JATA é unha feira xeral de turismo que, organizada pola Japan Association on Travel Agents, constitúe un dos certames de maior tradición dentro do mercado nipón. Turismo de Galicia está presente por sexto ano consecutivo.
Antes da apertura da feira tivo lugar un workshop organizado pola propia feira no que Turismo de Galicia estivo presente con citas cos operadores xaponeses interesados en incluír Galicia nos seus programas, así como de reforzar o contacto cos que xa traballan a nosa Comunidade.
Por outra parte, durante a feira, a OET en Tokyo organizará un encontro de traballo con operadores, medios de comunicación e profesionais do turismo, acción na que tamén estará presente Galicia.
Destino en alza
Galicia continúa a ser un destino en alza para o turista xaponés, que aprecia de xeito especial a nosa riqueza cultural e monumental, a gastronomía, a natureza e o Camiño de Santiago.
Neste ámbito, Turismo de Galicia presentaralles aos operadores turísticos as posibilidades que ofrece Galicia para a organización de viaxes turísticas. Ademais, o público final poderá obter directamente información sobre a oferta turística da comunidade galega.
O mercado xaponés xerou nos primeiros sete meses deste ano preto de 13.600 pernoitas, cifra que supera nun 10,6% o dato do mesmo período do pasado ano.
A cifra de viaxeiros xaponeses situouse en algo máis de 8.700 neste período, consolidándose como o primeiro asiático na nosa Comunidade.