A oferta turística galega no festival Museumsuferfest de Frankfurt

  • Turismo de Galicia presenta a oferta turística galega na cidade alemá de Frankfurt dentro do festival Museumsuferfest
  • Esta é a festa máis importante do oeste de Alemaña e un dos acontecementos culturais que máis público congrega neste país
  • O departamento de Turismo da Xunta participará con actuacións musicais e un recinto de información turística
  • Galicia recibiu no primeiro semestre do ano un total de 63.511 viaxeiros alemás, un 3,9% máis que no mesmo período do ano anterior

slide-2

 

Un ano máis, Turismo de Galicia levará a oferta turística da Comunidade galega a Frankfurt, dentro do festival Museumsuferfest, o acontecemento multitudinario máis importante desta cidade alemá e unha das manifestacións culturais máis importantes de Alemaña.

Baixo o lema de Turespaña Spanien am Main, o departamento de Turismo da Xunta ofrecerá varias actuacións musicais a partir de mañá venres e disporá un recinto de información turística para o público congregado neste acontecemento, no que os asistentes poderán gozar de numerosas representacións, concertos e outras manifestacións artísticas de todo o mundo.

No Museumsuferfest, España adoita contar con representación permanente, polo que vén participando desde hai anos de xeito ininterrompido, contando así cunha posición especial á hora de promover o destino e os produtos turísticos nacionais.

Actuacións musicais

Aproveitando esta circunstancia, Turismo de Galicia levará ao grupo musical galego IALMA, que xunto ao músico Coke e a outros intérpretes africanos, ofrecerán actuacións baseadas na fusión da música galega e a africana.

Así, o público que acuda ao Museumsuferfest poderá participar en oito actuacións dunha hora de duración no recinto galego durante os tres días de festival.

slide-4

 

Demanda turística alemá

Polo que respecta á demanda turística, ao longo dos seis primeiros meses do ano obsérvase un bo comportamento do turismo alemán en Galicia, con incrementos tanto da cifra de viaxeiros aloxados –do 3,9%- coma das pernoitas –do 4,2% neste caso.

Con 63.511 viaxeiros e preto de 90.000 pernoitas, o turismo alemán representa neste semestre o 11,7% do total internacional. É o segundo mercado en orde de importancia por detrás de Portugal .

No ámbito do Camiño de Santiago, e segundo as cifras da Oficina do Peregrino, neste primeiro semestre recollen a Compostela un total de 9.873 peregrinos alemáns, cifra que supera nun 14,5% o dato do mesmo período do pasado ano.

También te podría gustar...