A oferta de BTT Galicia consolídase como unha das máis salientables de España

  • Algúns dos mellores medios de comunicación especializados en turismo deportivo, xa visitaron as instalacións dos centros para a práctica da bicicleta de montaña promovidos por Turismo de Galicia
  • Os servizos e as rutas que conforman BTT Galicia foron presentadas recentemente na feira Unibike de Madrid, cunha gran acollida entre o público asistente e os operadores turísticos participantes neste certame

Hai catro anos que Turismo de Galicia puxo en marcha o primeiro centro BTT Galicia, O Salnés, e desde o ano 2011, tamén entraron en servizo os centros Portas de Galicia e Serra do Xurés, en Ourense, ademais da inminente inauguración do da Ribeira Sacra, o que está a conformar unha das ofertas máis salientables de España para a práctica da bicicleta de montaña.

Foto do Centro BTT Ribeira Sacra

Foto do Centro BTT Ribeira Sacra

 

Así o corrobora o interese dos medios de comunicación especializados en turismo deportivo que xa visitaron os tres centros BTT de Galicia que están en funcionamento.

Deste xeito, o redactor xefe da publicación Wallride Magazine, David Chacón e campión do mundo de Trial bike, acompañado do fotógrafo especializado Ismael Ibáñez, puideron coñecer o Centro BTT Serra do Xurés para desenvolver unha reportaxe que foi publicada en varios medios de comunicación internacionais e na plataforma de Red Bull España.

Por outra parte, a revista online MTB Pro, publicación número un en España, visitou os centros BTT Portas de Galicia e Serra do Xurés co obxectivo de obter material para elaborar un dossier xornalístico sobre estas dúas instalacións.

Hai que salientar tamén o interese da revista Planet MTB, unha das referencias editoriais máis importantes da bicicleta de montaña en España, por coñecer a oferta BTT Galicia, con visitas aos tres centros cos que conta a rede galega.

Ademais, a revista de turismo de natureza Grandes Espacios, publicou informacións relacionadas coas tres instalacións do programa BTT Galicia.

Feira Unibike
Neste ámbito, Turismo de Galicia participou o pasado mes de setembro na feira especializada Unibike de Madrid, onde se presentou a rede de centros BTT de Galicia no Foro de cicloturismo.

Ademais, a Oficina Técnica BTT Galicia estivo presente nun workshop con 10 operadores turísticos especializados e interesados na oferta galega para a práctica da bicicleta de montaña.

Centros BTT
Os centros BTT son instalacións de apoio á práctica do ciclismo de montaña nas que os usuarios poden atopar todo tipo de servizos e rutas para practicar esta actividade deportiva na Comunidade galega.

Un centro BTT defínese como un produto turístico destinado a promover a bicicleta de montaña. Consta dun espazo de acollida e información, onde se ofrecen servizos como o de alugueiro de bicicletas, servizo de limpeza, vestiarios ou duchas, así como información específica das rutas turísticas da zona na que está implantado. Forman parte do centro BTT un conxunto de rutas, de diferentes niveis de dificultade, que suman polo menos 100 quilómetros de lonxitude, convenientemente trazadas e sinalizadas pola comarca na que radica o centro.

También te podría gustar...